Google Maps Navigation estréase oficialmente en España

mércores, 9 de xuño do 2010 Marcus Fernández

A chega ao mercado español do móbil Nexus One introducía no noso territorio o servizo de navegación GPS de balde de Google, que finalmente recha a súa vinculación a un dispositivo en concreto de xeito que os terminais con Android 1.6 ou superior poderán gozar de Google Maps Navigation 4.2 en Austria, Bélxica, Canadá, Dinamarca, Francia, Alemaña, Italia, Países Baixos, Portugal, Suíza e España, o que supón un interesante atractivo para os móbiles baseados no sistema operativo de Google.
Entre as prestacións de Google Maps Navigation está a busca por voz, a vista de tráfico (nas localidades onde está dispoñible emprégase un código de cores para amosar a densidade de tráfico nun itinerario), busca en ruta (durante o desprazamento pódense localizar empresas e servizos no camiño coma estacións de servizo, restaurantes ou aparcadoiros), vista de satélite (para enriquecer a visualización dos mapas), Street View (navegación polas estradas baseándose en imaxes de 360 graos captadas para Google) e modo de conector de coche (que facilita o uso do móbil a distancia se contamos con Android 2.0 ou posterior).
Este servizo de Google foi o que forzou a Nokia a ofertar Ovi Mapas de balde, e supón a principal vantaxe de Android fronte ao iPhone, posto que os móbiles de Apple, aínda que contan con solucións de navegación, estas son de pagamento (e a un prezo bastante elevado).

Dende Xataka probaron o servizo de navegación GPS de Google

PUBLICIDADE