Google Latitude combina o GPS dos móbiles con Google Maps

mércores, 4 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Google Latitude permítenos coñecer a posición dos nosos amigos a cada momentoPese a que hai moitos servizos semellante na actualidade, Google presentou hoxe o seu servizo Google Latitude, que fundamentalmente pretende aproveitar a incorporación cada vez maior do GPS nos teléfonos móbiles para que poidamos coñecer a situación actual dos nosos amigos, ao combinar a posición xeográfica con Google Maps, o que podería ser interesante especialmente para establecer contactos no mundo real valéndonos da información sobre a proximidade das persoas que nos autoricen a coñecer a súa posición.
Google Latitude sería unha nova función de Google Maps nos móbiles, así coma un gadget para iGoogle no ordenador, podéndose combinar con moitos outros servizos de Google, no que moitos ven que podería ser o xermolo dunha grande rede social.
Na actualidade o servizo está presente en 27 países (entre os que se atopa España) e en 42 linguas (entre as que figuran o español e o catalán). Tamén funciona na meirande parte de móbiles BlackBerry, con Windows Mobile 5.0 ou superior, con Symbian S60 e, proximamente, en terminais con soporte de Java, co sistema operativo Android ou nos populares iPhone e iPod Touch.
Pero este servizo, que nun principio parece tan atractivo, pode ser todo un problema de cara á posible invasión da intimidade (que como comenta Nacho de la Fuente no seu blog, podería disparar os divorcios express) e incluso pode resultar sumamente preocupante para compañías como a galega Ipoki, que centraran a súa actividade en desenvolver aplicacións de xeolocalización baseándose nos servizos de mapas de Google, pois agora atopan á propia Google competindo con eles, o que pon seriamente en perigo os seus plans de negocio a longo prazo e mesmo pode levar a outras compañías a ter que prescindir do uso das API de Google ante o caso de que espallen prácticas semellantes a outros ámbitos.
Dende Ipoki continúan a ter fe no seu proxecto empresarial, destacando o feito de que a entrada de Google nos servizos baseados na localización vai facer madurar máis rápido este sector. Confían no desenvolvemento san da competencia, e buscarán complementar e mellorar o que ofreza Google Latitude, aínda que non falta que pensa que Latitude só será a punta do iceberg, e que Google está a preparar toda unha ofensiva de servizos deste tipo pensando, en boa medida, na súa explotación publicitaria.


Vídeo explicativo do funcionamento de Google Latitude

PUBLICIDADE