Google+ Fotos inicia o seu peche o 1 de agosto

martes, 21 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Ao presentar Android M, Google anunciou a estrea de Google Fotos, o novo servizo de almacenamento da imaxes na nube da compañía de Mountain View, e dado que este novo servizo collía o relevo de Google+ Fotos, chegou a hora de dicir adeus ao vello servizo, que dirá adeus na súa versión para Android o vindeiro 1 de agosto, para pasar máis adiante a desactivarse a súa páxina web e tamén a súa versión para iOS.
Dende Google recomendan a quen continúe a empregar Google+ Fotos que aproveite agora a ocasión para mudar a Google Fotos e, de feito, dende a propia vella aplicación están a instar aos usuarios a actualizar, lembrando que a migración dun servizo a outro non supón a perda de ningunha imaxe, á vez que o novo servizo incorpora numerosas vantaxes como espazo ilimitado para as fotografías e vídeos, así como ferramentas que facilitan a súa administración.

PUBLICIDADE