Google Drive permite amosar presentacións a través do Chromecast

martes, 29 de abril do 2014 Marcus Fernández

As presentacións en Google Drive xa poden verse a través do Chromecast

Aínda que cando Google anunciou o seu Chromecast parecía que o dispositivo ía limitarse a servir como streamer de vídeo para o salón, pouco a pouco vanse desenvolvendo novos usos para este atractivo trebello, entre os que poden resultar moi interesantes os profesionais, como o que vén de habilitar Google Drive, servizo web que dende o navegador web de escritorio (se conta coa extensión de Google Cast instalada) vén de activar a posibilidade de realizar presentacións a través doutro dispositivo, ou sexa, de empregar o Chromecast como se fose un proxector de vídeo, o que pode simplificar moito a realización de presentacións profesionais, xa que evitaría o uso de cables e podería funcionar en moitísimos contornos (xa que o Chromecast só precisa dunha pantalla con entrada HDMI, polo que dende monitores de oficina ata grandes televisores poderían servir para compartir presentacións).
Esta funcionalidade limítase polo momento ao ordenador, aínda que non sería de sorprender que no futuro se integrase nas aplicacións móbiles de Google Drive, facilitando aínda máis a realización de presentacións profesionais.

PUBLICIDADE