Google Chrome xa engaiola a máis da metade dos internautas españois

martes, 6 de maio do 2014 Redacción

Ao navegador de Google semella que lle vai ben, mellor do que pensabamos. De feito, xa non é só que Google Chrome estea por riba dos seus competidores directos, é que supera a cota de Firefox e Internet Explorer xuntos, que sumando forzas fican un pouco por enriba do 40%. Polo tanto e para que se entenda, o navegador de Google xa ten algo máis da metade do pastel en España por volume de usuarios. Máis polo miúdo e segundo cifras de StatCounter Global Stats, no pasado mes de abril o Chrome foi usado polo 50,15 % dos usuarios, aumentando nun 1 % a cota de mercado do anterior mes (49,15 %).
Firefox e Internet Explorer, pola súa parte, perden cada vez máis forza no seu tirapuxa coa ferramenta de Google, aínda que cómpre sinalar que o navegador de Mozilla foi quen de situarse moi por diante das diferentes versións de Microsoft sumando forzas.
Por outra banda, nas estatísticas de StatCounter Global Stats tamén se reflicte que o panorama repítese en dispositivos móbiles, onde a criatura de Google tamén impera. En dispositivos de escritorio e móbiles (smartphones e tablets), Chrome abrangue 43,56 % do total e incrementa nun 1,25 % a súa cota con respecto a marzo. O emprego de Firefox, pola súa banda, cae até o 16,75 %.

PUBLICIDADE