Google Books faise móbil

venres, 6 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Google Books no iPhone

A web de Google Books, que achega preto de 1,5 millóns de obras escritas non protexidas polo copyright á pantalla do ordenador, dá o salto aos dispositivos móbiles, de xeito que os seus contidos xa están dispoñibles dende os móbiles con Android e os iPhone/iPod Touch.
Para acceder aos contidos desta web adaptada só hai que visitar o enderezo books.google.com/m dende o navegador do terminal móbil, aínda que para o público español novidade ten un interese bastante limitado, pois a meirande parte dos contidos dispoñibles están en inglés.
A versión móbil dos libros achega o texto recoñecido mediante tecnoloxía OCR, o que fai que o material de imprenta se transcriba con exactitude, mentres que os documentos manuscritos aínda non se rexistren ben polo momento, pois un dos grandes retos da dixitalización está tanto no recoñecemento óptico de carácteres coma no intento de respectar o formato orixinal dos documentos.

PUBLICIDADE