Goberno e profesionais do sector dixital xuntan forzas para repensar FICOD

venres, 30 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

O salón FICOD, do que temos falado en Código Cero con motivo dos seus compoñentes galegos e dos milleiros de profesionais que mobiliza, atópase arestora nunha encrucillada. En boa medida, pola lousa que representa o seu formato: unha feitura anterior aos tempos das redes sociais e do ensarillado actual, 2.0, do que a nova vida offline colle unha chea de cousas emprestadas (que cómpre aplicar tamén en FICOD). Co fin de darlle unha volta á metodoloxía do salón madrileño de contidos dixitais e conectalo máis estreitamente aos demais sectores produtivos (aos que pode achegar un gran potencial), celebrouse este xoves a xornada Repensando FICOD.
O secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Víctor Calvo-Sotelo, foi o encargado de inaugurala. E fíxoo lembrando a importancia do sector para o Goberno central e salientando o crucial dunha cita de refundamento como a devandita: “O futuro da feira dependerá en gran medida da reflexión estratéxica desta convocatoria”.
O debate dirixido polo director xeral de Red.es, Borja Adsuara, tivo por obxecto definir unha nova estratexia para este foro, coa participación de todos os axentes involucrados no impulso dos contidos dixitais. Adsuara asegurou “que FICOD será o que demande o propio sector, buscando sempre a reutilización eficiente dos recursos públicos”. Neste senso, profundou na necesidade de converter FICOD en foco e escaparate das empresas españolas para a súa internacionalización. O máximo responsábel de Red.es detallou algunha das pautas nas que se traballa para o futuro do foro:
· A dixitalización como motor necesario dos novos modelos de negocio ao transformar o contexto empresarial de maneira definitiva.
· Unha nova estratexia orientada á racionalización orzamentaria, ao aliñamento coas empresas, á medición de resultados de á implicación coas asociacións sectoriais.
Asemade, avogouse por levar FICOD lonxe do seu espazo natural (a outros eventos referenciais), apoiar programas de pulo a emprendedores, facilitar a presenza de empresas españolas no exterior e potenciar a páxina web www.ficod.es como foco fundamental de transferencia de coñecemento.
No transcurso desta xornada, o director do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI), Pedro Martín, ofreceu detalles do Informe Anual dos Contidos Dixitais en España 2011. Entre as principais conclusións destacan:
- O negocio dixital supón o 52,8% da facturación total do sector dos contidos en España.
- Por importancia económica, o sector audiovisual é o que máis ingresos xerou, cun 43,6% do total.
- O investimento publicitario en liña alcanzou os 899,2 millóns de euros sendo a única actividade das analizadas que incrementa o seu volume de negocio até o 12,6%.

PUBLICIDADE