Gmail recupera a normalidade tras o borrado accidental do 0,02% das súas contas

martes, 1 de marzo do 2011 Marcus Fernández

A pasada fin de semana unhas 40.000 contas de correo electrónico de Google (menos do 0,02% do total) atopáronse con que o único contido da súa bandexa de entrada era a mensaxe de benvida ao servizo, pois foron reiniciadas accidentalmente. Pero finalmente a incidencia está a resolverse, aínda que o volume da mesma (e certos fallos de software que precisaron de corrección) provocou que a restauración de copias de seguridade das contas de usuario afectadas fose máis lenta do que era de agardar, polo que os relativamente poucos afectados quedaron sen servizo durante unhas 30 horas.
Dende Google xustifican a lentitude da restauración da información das contas de Gmail explicando que as copias de seguridade almacénanse en unidades de cinta, que non están en liña (para maior seguridade) polo que transferir os seus datos de novo aos seus data centers é un proceso de horas de duración. Tamén detallan que a eliminación da información das contas de correo electrónico foi provocada por un erro de programación na última actualización do software que xestiona os seus sistemas de almacenamento de datos, e que foi cancelada ao detectarse o fallo.

PUBLICIDADE