Gmail priorizará os correos electrónicos segundo a súa importancia para o usuario

martes, 31 de agosto do 2010 Marcus Fernández

O servizo de correo electrónico continúa a presentar innovacións, e tras engadir chamadas de voz dende a súa páxina web (actualmente só dende Norteamérica) agora están a mellorar a xestión da bandexa de entrada de e-mail, de xeito que os usuarios que reciben moitas mensaxes poidan separar mellor o gran da palla, pois Gmail está a preparar unha bandexa de entrada con prioridades que podería definirse como a aplicación do filtro contra o correo lixo ao revés, ou sexa, que identifica os correos máis importantes e colócaos na parte superior da bandexa de entrada nunha sección chamada Importante e sen ler, seguida das mensaxes destacadas para colocar logo todo o demais.
Para marcar a importancia das mensaxes Gmail analízaas atendendo á frecuencia de comunicación co remitente ou fixándose se respondemos ás súas mensaxes, de xeito que poderiamos distinguir de xeito doado as mensaxes dos amigos dos boletíns informativos ou a publicidade) e incluso podemos axudar ao sistema a facer tal marcando ou desmarcando unha casiña na que amósase a importancia das mensaxes (como tamén podemos facer actualmente co spam).
Actualmente están a espallar esta nova funcionalidade entre os usuarios de Gmail, de xeito que cando estea activado para eles poderán ver unha alerta na parte superior dereita da páxina web de Gmail informando desta característica.


Explicación en vídeo da nova bandexa de entrada de Gmail

PUBLICIDADE