Gmail permite amosar múltiples bandexas de entrada simultaneamente

venres, 6 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Os usuarios do servizo de correo electrónico de Google poden probar grazas a Gmail Labs unha nova funcionalidade que permite amosar na páxina web de Gmail múltiples bandexas de entrada simultaneamente, cun máximo de 5 paneis, nos que podemos definir a súa posición e os filtros e etiquetas que definen os seus contidos.
Resulta bastante práctica esta función para usuarios que queiran mesturar en pantalla información prioritaria, de xeito que poden configurar recadros nos que se amosa a bandexa de entrada principal, as mensaxes marcadas cunha estrela, as que veñan dun remitente en concreto, etc., evitando ter que premer sobre cada etiqueta preferida para consultar as mensaxes novas que cheguen á mesma.
Parece evidente que este tipo de funcionalidade non é apta para calquera persoa, senón que responde a unha necesidade moi concreta, que curiosamente non atenden o resto de sistemas de correo web.

PUBLICIDADE