Gis-t IDEGA traballa nun proxecto para cinguir tecnoloxía libre e xestión de bens comunais

luns, 18 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

Montes en mancomún da comunidade de San Miguel de Presqueiras

O grupo Gis-t IDEGA, un dos equipos da Universidade de Santiago e do panorama galego investigador que máis arreo traballa no desenvolvemento rural a través das TIC (por exemplo a través de Granxafamiliar.com ou Galiciaautentica.org), vén de anunciar a súa colaboración nun novo proxecto de tecnoloxía-impulso local. Trátase do proxecto Login_Galicia, dirixido a impulsar métodos para mellorar o traballo da comunidades rurais, especialmente as relacionadas cos montes veciñais en man común. A iniciativa terá vertente dixital e vertente presencial.
De feito, vaise propoñer como unha viaxe de traballo de campo, con varias ramificacións dixitais. A viaxe (o login_) encamíñase a descubrir as diferentes interrelacións das comunidades e os bens que estas xestionan, facendo fincapé nas normas que se foron desenvolvendo. A viaxe-xornada de traballo discorrerá durante a fin de semana do 22 ao 24 de xuño pola comarca das Mariñas, nos concellos de Irixoa e Paderne. “Nela”, informa a USC, “pretenderase unir o coñecemento que existe arredor da cultura libre, o software libre e a xestión de bens comunais agroalimentarios”.
Na experiencia tentaranse descubrir se son viables economicamente os modelos de xestión comunais, se facilitan a xeración de comunidade nos territorios rurais e se é posible achegar o uso das TICs a estes territorios “mediante unha linguaxe que lles resulte propio e non alleo”.

PUBLICIDADE