George Hotz podería estar a traballar en Facebook

luns, 27 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Aínda sen confirmación oficial, distintos comentarios en foros hacker apuntan a que o popular George Hotz (GeoHot), quen gañara sona internacional ao conseguir facer jailbreak o iPhone de Apple e, posteriormente, ao conseguir atopar un fallo de seguridade na PlayStation 3 que levaría a descubrir as chaves mestras da consola de Sony, estaría a traballar en Facebook actualmente, posiblemente na aplicación para iPad desta plataforma social.
Ao parecer o propio Hotz tería confirmado a información hai un par de semanas asegurando no seu perfil persoal de Facebook que a empresa de Mark Zuckerberg é un bo lugar no que traballar. Comentan distintos membros da comunidade que está detrás da liberación de dispositivos de Apple que intentaron animar a Hotz a colaborar na desprotección do iPad 2, e atoparon como resposta que actualmente non dispoñía de tempo suficiente por ter que atender ao seu novo emprego… en Facebook.
Polo momento nin Facebook nin Hotz realizaron declaracións sobre o tema, pero resulta curioso que un membro da escena hacker salte a unha grande empresa, pois normalmente os contornos corporativos tenden a fuxir de profesionais de tal perfil, por resultar difícil depositar confianza en individuos con experiencia vulnerando sistema de seguridade.

PUBLICIDADE