Gartner sitúa a Optare entre as principais provedoras de servizos de teleco en Europa e Latinoamérica

luns, 8 de xaneiro do 2024 S. P.

A empresa galega Optare Solutions rematou 2023 recibindo un importante recoñecemento por parte da renomeada consultora Gartner. No seu recente informe titulado «T Service Provider Selection Guide for CSP CIOs, Gartner posicionou a firma Optare Solutions como unha das provedoras máis relevantes no sector das telecomunicacións, tanto no mercado europeo como no latinoamericano.
A distinción de Optare Solutions como un dos poucos “provedores rexionais” subliña, en palabras da empresa galega, “a nosa presenza significativa en ambos os continentes, a través das nosas sedes estratexicamente situadas en Vigo (España) e México”.
A consultora estadounidense destaca tamén a natureza “Telecom-Native” de Optare Solutions, recoñecendo o seu profundo coñecemento e dedicación exclusiva ao ámbito das telecomunicacións.
O informe de Gartner salienta especificamente a experiencia e competencias de Optare Solutions en áreas clave como tecnoloxías BSS (Business Support Systems), OSS (Operational Support Systems) e API (Interface de Programación de Aplicacións). Este enfoque especializado, explican dende a empresa, “posiciónanos como líderes na implementación e optimización de sistemas que apoian as operacións empresariais e a infraestrutura técnica no sector das telecomunicacións”.

PUBLICIDADE