Ganga! chega a Vilagarcía para impulsar o comercio local a través dos móbiles

martes, 20 de setembro do 2016 Redacción

Os responsábeis da aplicación galega Ganga! (unha ferramenta destinada a pór en contacto aos clientes dunha localidade cos seus pequenos comerciantes) veñen de anunciar a súa chegada a Vilagarcía. E fanno con novidades, posto que o lanzamento na cidade arousá estase a acompañar da posibilidade de descargar de balde a versión avanzada da aplicación, Ganga Pro, que entre outras cousas permite aos comerciantes subir as súas promocións. Esta tecnoloxía, como lembraremos, foi desenvolvida pola firma compostelá eLaboro. Ganga! foi lanzada nunha primeira fase en Santiago, A Coruña e Pontevedra, co obxectivo de espallarse logo no resto de Galicia.
En palabras dos seus desenvolvedores, “trátase da primeira plataforma de mcommerce feita dende Galicia para o fomento do comercio polo miúdo, as actividades dos profesionais autónomos e as microPEME da nosa comunidade”. Con motivo da súa arribada a Arousa, engaden que “Ganga abre acceso directo dende o noso dispositivo intelixente ao comercio da nosa contorna dando visibilidade a produtos e servizos con independencia da súa localización física, por iso é o escaparate ideal para aqueles que non dispoñen dun local nas zonas comerciais máis céntricas ou para dar a coñecer produtos exclusivos ou artigos perecedoiros”. Entre as súas vantaxes figura precisamente a de non ser un simple escaparate de produtos a bo prezo. De feito, permite aos usuarios facer cousas como saber se dispoñen na súa peixería de referencia dun produto difícil de conseguir, ou decatarse de cando chegan as froitas da tempada á súa froitería. “Ganga é quen de canalizar os intereses de compradores e vendedores galegos e faios confluír nos smartphones”, explican os responsábeis da ferramenta.
Como dixemos, a chegada a Vilagarcía de Ganga estase a acompañar do lanzamento de Ganga Pro, un lanzamento en promoción que permite (durante un tempo limitado) aos usuarios empregar esta aplicación de balde (descargala, darse de alta e subir contidos). Esta oferta será de aplicación entre os comerciantes, pero tamén entre clientes e empresarios.
Cifras a ter en conta
Segundo explican os creadores de Ganga, máis de 300 comercios déronse de alta só no primeiro mes do lanzamento da ferramenta móbil. Ademais, grazas á publicación de promocións en Ganga por parte dos nosos empresarios e comerciantes, “vendéronse 50 móbiles en tan só media hora en Santiago, 25 tabletas en 25 minutos en Pontevedra, preto dunha tonelada de lagostinos nun establecemento da Praza de Abastos compostelá e unha froitería santiaguesa despachou máis de 1.000 quilos de patacas nun só día”. Para estes comerciantes, engaden, “a aplicación non só serviu para vender estes produtos ou converter en efectivo materiais que en stock, senón para darse a coñecer e para que, unha vez no establecemento, o cliente poida ver outros produtos e promocións”.

PUBLICIDADE