Galileo Masters rastrexa na nosa terra as propostas máis innovadoras para aplicacións de navegación por satélite

martes, 16 de maio do 2017 Redacción

A Universidade de Vigo vén de informar da apertura do prazo para presentarmos candidaturas na actual edición do certame European Satellite Navigation Competition (ESNC) ou Galileo Masters, un concurso impulsado por varias entidades europeas (a Axencia Espacial Europea, ESA, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais) en colaboración con socios locais (no caso galego, a Universidade de Vigo e a Zona Franca). O obxectivo? Ante todo, procurar as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite. O premio ao gañador galego obterá un ano de incubación nun dos parques empresariais do Consorcio da Zona Franca de Vigo, incluíndo asesoramento de expertos, formación e adestramento.
Ademais do premio rexional, os participantes poden optar a seis galardóns internacionais e repartiranse máis de 1 millón de euros en premios. Amais, o gañador viaxará de balde á cerimonia internacional de entrega de galardóns, que terá lugar en outubro.
Na fase galega do ESNC, a Axencia Espacial Europea conta como socios co Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Universidade de Vigo, Campus do Mar e o centro de investigación AtlantTIC. O obxectivo, como dixemos, é buscar os mellores servizos, produtos e innovacións que tiren proveito da navegación por satélite na vida cotiá.
Nas dúas primeiras edicións galegas do concurso os gañadores foron estudantes e investigadores da EE de Telecomunicación. Francisco Javier Díaz-Otero, docente e investigador do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e coordinador galego do concurso lembra que poden presentarse ideas de negocio con independencia do estado de desenvolvemento no que se atope o proxecto ou servizo, “xa que algún dos premios están orientados a favorecer e facer agromar ideas embrionarias para convertelas en realidades empresariais”.
O 30 de xuño péchase o prazo de presentación de candidaturas. A xuntanza internacional de avaliación celebrarase en setembro e a cerimonia de entrega de premios no mes de outubro.
Segundo informa a UVigo, o ano pasado Galicia confirmouse como a sexta participante local con máis proxectos presentados ao certame, un total de 26, xermolados nas universidades, centros tecnolóxicos e empresas, resultando gañador un proxecto da EE de Telecomunicación da Universidade de Vigo.
Amais do devandito millón de euros en premios, a Universidade salienta que arredor do concurso existe unha rede europea de 250 socios académicos e empresariais e máis de 10.000 comunicacións enviadas a medios de comunicación, empresas e axentes relacionados coa navegación vía satélite en toda Europa. Dito doutra maneira: grazas ao certame, multiplícanse as posibilidades de que os proxectos gañadores sexan vistos por todo o tecido investigador, investidor e empresarial europeo. De feito, a visibilidade e promoción dos proxectos que se impoñan fan o 60% das ideas locais gañadoras acaben incubando con éxito a súa idea e converténdose nunha pequena ou mediana empresa viábel e rendíbel. De feito, o catedrático de Teoría da Sinal e das Comunicacións Manuel García e o investigador do Grupo Sistemas de Radio Daniel Gómez, gañadores da edición de 2016, xa están en contacto con empresas interesadas no desenvolvemento e comercialización da súa idea, un radar pasivo biestático que axuda a aterrar drones en circunstancias desfavorábeis.

PUBLICIDADE