Galiciencia celebrarase en decembro en formato online

venres, 6 de novembro do 2020 Redacción

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) promove desde o ano 2006 Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade e que busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos máis novos. O evento, que conta co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN), celebrará a súa 15 edición no mes de decembro, en formato en liña debido ás restricións provocadas pola actual situación sanitaria.
“Esta nova fórmula representa unha oportunidade para facer Galiciencia máis grande, inspiradora, creativa, participativa e aberta a proxectos de todo o ámbito nacional, chegando así a máis mozas e mozos entusiastas da ciencia, a innovación e a tecnoloxía”, indica o director xerente de Tecnópole, Ricardo Capilla, engadindo que “Galiciencia supón un importante estímulo para a creatividade e o talento para innovar dos máis novos, permitíndolles achegarse á ciencia a través do xogo e a creación e contribuíndo a espertar neles as vocacións científicas”.
Este certame científico diríxese a estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Nesta edición, que se celebrará baixo o lema A innovación do futuro, amosarase cara a onde camiña a innovación, cales serán os recursos e procesos que se utilizarán para levar a cabo esa innovación, en que ámbitos da vida se desenvolverá máis e que melloras proporcionará á sociedade ou mesmo as desvantaxes que pode supor.
Os rapaces xa poden enviar os seus proxectos a www.galiciencia.online. Desde Tecnópole agardan “propostas imaxinativas, proxectos innovadores e novas ideas por parte do alumnado participante”; que, como en feiras anteriores, complementaranse con actividades, obradoiros, espectáculos de ciencia e desafíos, que versarán tamén sobre a innovación do futuro.
Equipos de Secundaria, Bacharelato e FP competirán polo premio final do certame e fóra de competición poden participar estudantes de Primaria e Educación Especial. Como principal novidade nesta edición, en consonancia coa temática deste ano e coa actividade de Tecnópole de promoción do STEM feminino, o premio especial da Galiciencia 2020 será para o mellor proxecto liderado por unha rapaza ou para o mellor traballo relacionado co fomento da igualdade de xénero na contorna da I+D+i.
Os participantes na competición de proxectos da Galiciencia buscarán situarse entre os tres finalistas. O que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona.
O segundo equipo clasificado recibirá un apoio económico de 500 €, o que lle permitirá participar na Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa parte, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para participar no programa de actividades organizadas polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

PUBLICIDADE