Galiciencia 2013 entregou os seus premios

martes, 26 de novembro do 2013 Redacción

Galiciencia, contando como contaba cunha nutrida representación dos nosos investigadores e científicos novos, deu para moito. Ou sexa, para unha listaxe case interminábel de ideas e proxectos reais de recursos, sistemas e aparellos para facernos a vida e o traballo un pouco máis doados, os hábitos máis saudábeis e o xeito de movernos dun lado a outro máis seguro. Neste último eido temático inseriuse precisamente a achega gañadora da feira Galiciencia, organizada pola Tecnópole en Ourense, tal e como sinalamos os días pasados dende Código Cero. Falamos dun sistema antikamikazes para autoestradas, que se proclamou gañador absoluto do certame, no que competiron 50 equipos de estudantes de toda a nosa xeografía e tamén de Barcelona.
Este proxecto foi o vencedor na categoría de segundo ciclo da ESO e gañador absoluto por impoñerse en puntuación aos dos outros dous equipos gañadores nas categorías de primeiro ciclo da ESO e Bacharelato. Xosé Lois Chorén e Unai Ansedes, do IES Xoán Montes (Lugo), presentaron un proxecto de seguridade viaria que foi destacado de xeito unánime polo xurado.
Os premios foron entregados polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e polo director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela. Conde felicitou a todos os participantes e animounos a “seguir pensando en clave de ciencia, innovación e creatividade” para ser a seguinte xeración de emprendedores de Galicia.
O sistema de alerta de acceso en contrasentido en autoestrada é unha proposta que, segundo os seus creadores, “podería ser aplicada a toda a rede viaria cun custo moi accesíbel”. O obxectivo é avisar aos condutores que accedan por sentido contrario a unha autoestrada por erro, despiste ou deficiente sinalización vertical. Basicamente consiste no repintado das liñas brancas actualmente existentes no firme con pintura fotoluminiscente e en relevo (para producir sonoridade). A nova pintura fará que as liñas véxanse de cor branco no sentido correcto da marcha, pero se se entrara en dirección contraria veríase de cor vermella xa desde o mesmo punto de intersección desde a estrada de acceso.
Segundo informa a Tecnópole, os gañadores na categoría de 1º ciclo da ESO, Marieta Orol e Carlos López, do Centro Educativo Galén, tamén de Lugo, amosaron un completo proxecto que chamou a atención dos visitantes pola súa excelente presentación. Os alumnos realizaron unha investigación do seu contorno para identificar e recoller plantas das que poder extraer aceites esenciais co obxectivo de elaborar un perfume ecolóxico que todos os que pasaron pola Galiciencia puideron ulir. O proxecto inclúe a planificación económica de custos e prezo, a parte artística de elaboración dunha etiqueta, a parte creativa e lingüística da campaña de marketing e publicidade, a parte tecnolóxica de materiais e ferramentas, e todo isto cun obxectivo solidario como é a colaboración cunha ONG.
Na categoría de Bacharelato a gañadora foi Alba Fernández, do IES Julio Prieto Nespereira (Ourense), co seu respaldo intelixente. Segundo engade a Tecnópole, “durante estes tres días foron moitos os que sentaron no seu prototipo de cadeira para comprobar como, ante unha postura non axeitada das costas, acendíanse os pilotos luminosos de alerta”. Segundo a inventora, o seguinte paso é incorporar unha alerta de son. Dado que o seu proxecto diríxese sobre todo a centros escolares, a súa idea é que o son veña nunha frecuencia moi baixa que os adultos non perciben, pero si os máis novos.
Cada un dos membros dos tres equipos gañadores levou un smartphone que no caso do primeiro premio absoluto complétase co financiamento da viaxe á Exporecerca, a feira científica de ámbito estatal que se celebra en Cataluña.
Coa clausura da Galiciencia dase por rematada a Semana da Ciencia en España, na que a FECYT destacou entre as actividades de referencia a feira celebrada na Tecnópole. A Fundación foi cofinanciadora do evento xunto coa Consellería de Economía e Industria.

PUBLICIDADE