Galiciadixital, trasládase a Salvaterra de Miño

martes, 13 de outubro do 2009 Raquel Noya

Segundo apunta o refraneiro popular, un día coma hoxe (martes e 13) non debemos casar nin embarcar... algo que non foi tomado en conta pola Secretaría de Medios da Xunta de Galicia, que trasladou a exposición itinerante Galiciadixital ata a Casa da Cultura de Salvaterra do Miño.
O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán, acompañado do alcalde da localidade, Arturo Grandal Vaqueiro, entre outras personalidades, vén de inaugurar esta mostra no Concello Pontevedrés, onde permanecerá ata o vindeiro 18 de outubro.
Con esta exposición, a Secretaría Xeral de Medios pretende achegar a todos os visitantes do concello e comarca o audiovisual e o multimedia realizado en Galicia así como servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais. Durante o acto, que contou coa presenza dun grupo de escolares do IES Salvaterra, o alcalde do municipio, Arturo Grandal Vaqueiro, invitou a todo o municipio a visitar a exposición e agradeceu esta oportunidade á Secretaría Xeral de Medios.
Pola súa banda, Felicitas Rodríguez González, en representación da devandita entidade pública, resaltou o traballo desenvolvido polas universidades e empresas galegas responsables dos contidos da exposición.
A mostra, unha converxencia entre arte e tecnoloxía, está pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido, tocando e experimentando todo, o que fai que sexa de grande interese didáctico para as persoas de todas as idades, e así o demostra o gran éxito que está a acadar nas localidades que a acollen.
Entre os contidos da exposición, ao igual que nas anteriores paradas realizadas no noso país, destaca o canciño robotizado que fala galego, Axóuxere, os Aeroesbaradores por Compostela e as proxeccións e xogos en tres dimensións, como Cidades do Camiño, onde cada usuario, mediante a visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, pode realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades por onde discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.
A exposición itinerante chega a Salvaterra do Miño dende o municipio de Ortigueira, onde recibiu a visita de más de oitocentas persoas.

PUBLICIDADE