Galiciadixital recibe preto de 1.300 visitas na súa estadía en Redondela

venres, 23 de abril do 2010 Raquel Noya

Un total de 1.284 novas persoas poden dicir xa que coñecen ao canciño Axóuxere, ese cadelo robotizado que vai alá onde vai Galiciadixital, facendo as delicias de todos canto se achegan a comprobar o seu funcionamento mecanizado á vez que tenro.
Son as persoas que se achegaron dende o venres da pasada semana ata o mércores, 21 de abril, ao Edificio Multiusos de Chapela, en Redondela, para visitar a exposición itinerante e interactiva máis popular do noso país: Galicidixital.
Durante o tempo que estivo instalada no concello pontevedrés, esta mostra contou con algúns dos seus contidos máis chamativos, tales como o xogo Aerodeslizadores por Compostela, no que os espectadores teñen a posibilidade de descender pola zona histórica dunha cidade galega virtual nun futurista monopatín desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Galiciadixital permitiu tamén que os seus visitantes se adentrasen nun mundo virtual a través de proxeccións en tres dimensións como As cidades do camiño, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde os usuarios poden realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades polas que discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago.
Por outra banda, os que se achegaron nestes días ás instalacións redondelás puideron gozar dos contidos máis novidosos e conmemorativos do 25º aniversario da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), como unha exposición de paneis nos que se resume a historia do ente autonómico, unha exhibición de obxectos relacionados coa radio e a televisión ou un vídeo conmemorativo dos primeiros 25 anos do ente autonómico, no que se dan cita programas e personaxes emblemáticos da compañía.
Asemade, os visitantes puideron converterse en presentadores dos informativos da Televisión de Galicia por un día grazas ao Plató Chroma Key, un espazo no que as persoas se sitúan e aparecen reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato, inmersos no decorado ad hoc.
A través desta exposición, que ten a súa sede permanente no Mosteiro de San Martiño Pinario, na capital galega, desde hai máis de dez anos, a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar a galegos e galegas de todas as idades os contidos audiovisuais e multimedia realizados por empresas e universidades da comunidade, valéndose para iso dunha experiencia interactiva diferente á dos museos convencionais, na que os visitantes non son simples espectadores, senón que poden participar en todo o percorrido.

PUBLICIDADE