GaliciaTIC pon de manifesto a capacidade do noso sector en materia de emprego e negocio

martes, 14 de outubro do 2014 Redacción

Hoxe celébrase en Santiago, na Cidade da Cultura (edificio CINC), a edición número XII de GaliciaTIC, foro de exposición e debate sobre a nosa industria tecnolóxico-dixital e as solucións e servizos dos que fai gala arestora. O encontro foi inaugurado por Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, quen aproveitou a cita cos profesionais do noso sector tecnolóxico-dixital para salientar a súa capacidade demostrada para levar o sector ao máis alto e manter o emprego por riba dos 15.000 traballadores desde 2010 e cun volume de negocio de 2.290 millóns de euros en 2013. O evento GaliciaTIC vén da man da UVigo, o COETG e INEO.
Pereira, para ilustrar o devandito, trouxo a colación os últimos datos do observatorio OSIMGA, nos que se constata “o esforzo que está a realizar o sector no eido da innovación”. Ao fío disto, recordou que en 2013 máis do 30% das empresas TIC galegas desenvolveu actividades de I+D+i, e destas, o 65,2% obtivo resultados comercializábeis. “Ademais”, engadiu, “o sector TIC galego incrementou no último ano en máis de 4 puntos a cooperación en actividades de innovación con empresas da Unión Europea e en máis de dous puntos a colaboración neste eido con compañías de Estados Unidos”.
A directora da AMTEGA valorou tamén o capital humano do noso eido produtivo vencellado á información e ao dixital, “con máis de 4.000 alumnos matriculados en carreiras TIC no sistema universitario galego, tres centros tecnolóxicos de prestixio e 37 grupos de investigación”. A todo isto, engadiu, “súmase o compromiso da Xunta, que desde 2009 apostou pola tecnoloxía como elemento estratéxico de crecemento poñendo en marcha a Axenda Dixital 2014.gal, cun investimento de preto de 1.100 millóns de euros”.
Volvendo ao propio evento GaliciaTIC, dicir que nesta edición 2014 estase a facer especial fincapé nas cuestións do Big Data, da analítica intelixente, da Internet das Cousas, da Computación na Nube e do Negocio Social. Alén disto, abránguense temas como os aspectos de internacionalización (que tanto afectan ao tecido de empresas TIC de Galicia) e mesas sectoriais temáticas sobre tecnoloxías aplicadas a todo tipo de empresas, como corresponde ao carácter horizontal das TIC.
Cómpre informar que este ano están a pasar polo evento -entre outros profesionais- investigadores do CITIC, que xa amosou o seu apoio á xornada noutras ocasións, e que participará desta volta na Mesa Temática 3 (16.00 horas), coordinada por Philips e baixo o título Connected Ligthing. A mesa tratará sobre sistemas innovadores de comunicación.
En representación do CITIC asiste Luís Castedo Ribas, responsábel da Área Tecnolóxica de Comunicacións Sen Fíos do CITIC. As súas liñas de traballo céntranse no procesado de sinal para comunicacións sen fíos e no prototipado de equipos terminais de comunicacións.
Asemade, tamén participan en GaliciaTIC Santiago Julián, director de Desenvolvemento de Iluminación Urbana para España e Portugal en Philips Ibérica; Pablo Vázquez, responsábel de Innovación e Sistemas de Información no Concello da Coruña; e Paula Uría, xefa de Área de Xestión e Coordinación coas Administracións Públicas en IDEGA, Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE