GaliciaTIC celébrase este ano en Compostela, o día 24

martes, 15 de outubro do 2013 Redacción

Público nunha das anteriores edicións de GaliciaTIC

Logo de dez edicións celebradas, GaliciaTIC xa ten data para unha nova quenda de avance tecnolóxico no eido tecnolóxico-dixital. A cita no calendario deste ano está fixada para o vindeiro xoves 24 de outubro e o lugar será o compostelán Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura. Neste día descubriranse as tendencias máis actuais nas tecnoloxías TIC, desde o punto de vista da oferta global, ou sexa, aquelas que sexan de interese para o sector empresarial e profesional e melloren a experiencia do cliente.
Para iso proporanse unha serie de temas de gran actualidade que poidan atraer a atención do mundo profesional empresarial e académico de Galicia arredor das TIC. Como novidade nesta edición, GaliciaTIC -que vén da man unha vez máis do profesor Miguel Merino- desexa completar a visión que se ten sobre os mercados tecnolóxico-dixitais estendéndoa ao ámbito internacional, en especial cara a países emerxentes, como oportunidade para o desenvolvemento tecnolóxico en produtos e servizos baseados en TIC e de negocio para as empresas do sector en Galicia. GaliciaTIC encamíñase desde o comezo cara a demanda que se poida satisfacer desde os activos de coñecemento e tecnolóxicos das empresas que participan, e buscando novas oportunidades de desenvolvemento empresarial. Desta volta, contarase co coñecemento de expertos e empresas fortemente internacionalizadas, que demanden tecnoloxías que teñan un gran potencial de desenvolvemento para as empresas que participen. Para máis información, cómpre visitar a web de GaliciaTIC.

PUBLICIDADE