GaliciaTIC aborda no seu 20 aniversario a dixitalización como catalizador de crecemento

xoves, 13 de outubro do 2022 S. P.

O foro GaliciaTIC, histórico encontro tecnolóxico da nosa terra organizado pola asociación empresarial Ineo, celebrará a súa vixésima edición entre o mércores 19 e o xoves 20 na Cidade da Cultura. Baixo o lema Crecemento, dixitalización e eficiencia, o evento conmemorará 20 anos de traxectoria con dous obxectivos claros obxectivos: en primeiro lugar, abordar o contexto do proceso de dixitalización, tanto no ámbito galego como internacional, tras a súa aceleración pola pandemia e fronte aos retos do futuro inmediato derivados da inestabilidade política e o cambio climático; e en segundo lugar poñer en contacto directo o talento novo, o sistema educativo e o sector tecnolóxico para crear lazos de futuro e fomentar o emprego.
Para todo iso, GaliciaTIC celebrará na súa vixésima edición un completo programa de conferencias, mesas redondas e seminarios que, como gran novidade, incluirá unha feira de emprego na que participarán máis de 150 alumnos e alumnas de ciclos tecnolóxicos de centros galegos de Formación Profesional procedentes de Lugo, A Coruña e Vigo.
O obxectivo de Ineo é “fomentar un ano máis a indispensábel relación do tres institucións que conforman a chamada tripla hélice da innovación, ou sexa administración, formación académica e empresa”.
Neste 2022, tras dous anos de restricións pola crise sanitaria, recuperarase a presencialidade de todas as actividades, aínda que se manteña o streaming en diferentes actos do programa. No entanto, para asistir ou ter acceso en directo ás emisións, é imprescindíbel inscribirse a través da páxina web de GaliciaTIC.
Programa
O programa comezará o mércores ás 09.30 h. de forma presencial co debate inaugural que versará sobre a situación actual do proceso de dixitalización, nun contexto no que se suceden os fenómenos disruptivos: a pandemia, efectos do cambio climático, inestabilidade política ou a crise enerxética. Nesta análise, participarán Carlos Suárez Rey, director de Edisa; Fernando Vázquez Núñez, director xeral de Imatia; Luis Álvarez Sestelo, presidente de Ineo, e Julián Cerviño Iglesia, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Moderará Miguel Merino, director de Galicia TIC.
A xornada continuará ás 10.00 h. da man de Francisco De Los Santos, executive partner na consultora tecnolóxica internacional Gartner. De Los Santos ofrecerá un relatorio maxistral titulado Transformación dixital e datos: tendencias e criterios de éxito. A partir da inauguración, o programa transcorrerá tanto o mércores como o xoves con mesas temáticas e con conferencias sobre asuntos tan variados como a Intelixencia Artificial no seo das empresas, a colaboración público-privada na dixitalización, a ciberseguridade no sector da alimentación, a capacitación TIC en Galicia ou a integración da cadea de valor no sector da moda.
GaliciaTIC despedirá a súa vixésima edición con dous actos finais. O primeiro deles consistirá nunha mesa profesional moderada por Norberto Penedo, director da área de Competitividade do IGAPE, na que se analizará o papel das agrupacións industriais no ámbito tecnolóxico. O segundo será o acto de clausura que contará coa presenza do vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e que servirá para render un recoñecemento a todas as entidades, empresas e administracións que fixeron posibel, coa súa colaboración e entrega, que GaliciaTIC leve vinte anos de traxectoria.
Ineo, para a organización do GaliciaTIC, conta este ano co apoio da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) ou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), e tamén de empresas como Confluent, Deloitte, Edisa, Imatia, Orange, Leyton, Lifesize, NTT DATA, R., Optare Solutions, Gartner e Oracle.

PUBLICIDADE