GaliciaDigital cumpre os primeiros 10 anos de vida

venres, 9 de xullo do 2010 Raquel Noya

Dez anos dan para moito e dez anos dedicándose a traballar en prol da nosa língua e do uso que dela facemos na Rede, dan para crear máis de dúas ducias de portais informativos e técnicos cos que axudar á comunidade internauta do noso país en todo tipo de eidos. Isto é o que vén de facer posible a plataforma GaliciaDigital, que, con dez anos acabados de cumprir, deixa ás súas costas un total de 27 portais relacionados coa moda, a xuventude, o emprego, a comunicación, o deporte, o turismo, etc. do noso país.
Porén estes 10 anos en Internet son a culminación dun cuarto de século de actividade alén da Rede de Redes, nos que se crearon, entre outros proxectos, unha produtora de vídeo, unha editorial e ata unha canle de televisión local en Lugo.
Como cumio deste esforzo creador, “toda a experiencia, fondo literario e documental de toda a súa actividade centrouse”, segundo afirman os seus responsables, “en GaliciaDigital”, que dende abril de 2000 está na Rede, tendo na actualidade unha media de preto de 30.000 visitas diarias, e estimando que pecharán o 2010 “con 9.000.000 visitas e 50.000.000 páxinas vistas”.
GaliciaDigital é por algo un “portal de portais”, dedicado enteiramente ó noso país nos seus máis diversos aspectos; que está a crear un banco de información de permanente utilidade para “os galegos e galegas de todo o mundo”.
Polos seus contidos, investigación e desenvolvemento, e mesmo polo seu impacto na comunidade internauta, dos 27 portais que forman esta plataforma, os seus responsables destacan as webs que seguen:
Camiño de Santiago, Cultura, Emprego, Empresas, Galegos, Letras Galegas, Turismo e Websgalicia, unha escolma das páxinas web de empresas, institucións ou particulares deste país, que ofrece un panorama da situación de Internet en Galicia e a posibilidade de que os internautas localicen a páxina que mellor se acomoda ás súas necesidades ou circunstancias.

PUBLICIDADE