Galicia24horas.es: información actualizada e multimedia para tódolos galegos

xoves, 19 de abril do 2012 Redacción

Despois dun período de probas de varias semanas de duración, temos xa un novo medio dixital en pleno funcionamento na Rede. Trátase de Galicia24horas, unha iniciativa dun equipo de profesionais que teñen a arela de ofertar, cun criterio de actualización permanente, as novas de interese para os galegos, “procedan de onde procedan”, sinalan os seus responsábeis. Galicia24horas diríxese a conseguir que os seus seareiros sexan tamén lectores, oíntes e telespectadores, a través dunha estratexia multimedia no que, ademais dos compoñentes comunicacionais habituais como son o texto e a fotografía, introdúcese material de audio e vídeo e mesmo conexións en directo con aqueles puntos susceptibles de recoller a información en tempo real.
En Galicia24horas resulta habitual, pois, atopar varias opcións de conexión en directo na columna dereita da web, na que varios elementos intermitentes permiten acceder a un pleno ou comisión parlamentaria sexa na cámara lexislativa autonómica, sexa do Congreso ou do Senado, ou acceder ás roldas de prensa da Moncloa, posteriores ao Consello de Ministros. En adiante, a redacción do xornal incorporará novos destinos nos eidos da cultura e do lecer.
Para os contidos de texto, os promotores optaron por conxugar os dous idiomas, galego e castelán, “nunha marcada posición a favor da implantación real do bilingüismo nos medios de comunicación escritos e audiovisuais”, aclaran.
A web está editada por Galega de Comunicación e Información S.L, e é accesible a través dos dominios galicia24horas.es, galicia24horas.com e tamén nun terceiro, non moi usual pola súa configuración de só tres caracteres: g24.es.

As novas dos outros medios


Outra oferta singular de Galicia24horas vén dada polas presenza desde moi primeira hora das portadas dos xornais galegos nun espazo dinámico que permite ollalas en movemento e deter cada unha das que máis interesen para situarse mediaticamente no día. A isto contribúe tamén “un singular resume de prensa coa actualidade dos medios de ámbito nacional organizado por temas, con especial atención ós editoriais e dispoñible en PDF, que permite ter unha visión global da actualidade cada mañá”, informan os responsábeis do novo medio.

PUBLICIDADE