Galicia súmase hoxe ao desafío internacional Hash Code de Google

xoves, 28 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe estase a celebrar a nivel mundial o concurso de programación Hash Code, no que Google (dende 2015) fai un chamamento a resolver un gran reto de enxeñaría a través de equipos de desenvolvedores. A actividade transfronteiriza en cuestión ten novamente unha notábel participación galega, con centros de operacións incluídos, como o grupo CDG en Santiago ou Everis na Coruña. A isto engádese a Universidade de Vigo, cuxa Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense é un dos Hash Code Hubs habilitados en Galicia. Isto significa que as persoas inscritas no desafío teñen á súa disposición ás instalacións para participar desde alí no certame. A actividade está dirixida a estudantes, medios, PAS, PDI e público externo en xeral. A entrada é de balde, aínda que con reserva.
Hash Code, explican dende a UVigo, é un concurso de programación en equipo, organizado por Google, para estudantes e profesionais de todo o mundo. As e os participantes elixen o seu equipo e linguaxe de programación e Google selecciona un problema de enxeñaría para que o resolvan nunhas horas. A edición deste ano iníciase cunha competición en liña, onde cada equipo, formado por entre dúas e catro persoas, pode competir desde calquera recanto, incluído un dos centros elixidos como Hash Code Hubs. Os mellores equipos serán convidados a unha oficina de Google para competir na rolda final.
A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense solicitou este ano a súa concorrencia como Hash Code Hub, presentando unha solicitude na que se explicaba o carácter da entidade e as súas instalacións e que foi finalmente aceptada. “Poñemos a disposición dos participantes unha sala grande onde conectaremos con Google, para seguir o certame, e incluso co outro hub galego que participa, para compartir con eles a experiencia e interaccionar”, comentou os días pasados o director da escola, Francisco Javier Rodríguez.
Amais do Hash Code Hub achegado pola Universidade hai finalmente outros 733 espazos de actividade e traballo participantes, fornecidos por case un cento de países. Pola parte galega, tamén concorren o grupo CDG (Google Developers Group) de Santiago e a empresa tecnolóxica Everis dende A Coruña.

PUBLICIDADE