Galicia ponse á cabeza do Estado en uso de contornas virtuais de aprendizaxe

mércores, 29 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

O Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura (CCG), vén de poñer o punto de mira nos hábitos das galegas e os galegos ao abeiro dunhas tecnoloxías cada vez máis presentes nas nosas vidas: as tecnoloxías dixitais. Froito da investigación do CCG é o documento de traballo Tecnoloxías da información e a comunicación, que guinda unha máis que completa listaxe de datos interesantes sobre os nosos puntos fortes e as nosas eivas en materia TIC. Entre os datos máis positivos, figura o noso dominio dos chamados Entornos Virtuais de Aprendizaxe, un modelo educativo novo no que estamos á cabeza do Estado (colexios públicos).
Tamén destacamos en uso de redes sociais (o 81,9% da poboación está presente nelas e úsaas para comunicarse e obter información), sendo máis maioritaria a aposta polo Facebook, seguida de lonxe por Instagram e Twitter.
O estudo adica unha parte relevante do seu miolo a coñecer a situación de equipamento e uso nos centros escolares. Segundo fai saber o Observatorio, os indicadores constatan unhas cifras en aumento, xa que a ratio de alumnas e alumnos por computador no curso 2016-2017 é de 2,3, no canto dos 3,1 puntos de cinco cursos antes.
No informe tamén hai datos relativos á docencia que cómpre mellorar. Por exemplo, que Galicia está nas Comunidades que teñen a media de alumnos por ordenador máis baixa, fronte á Comunidade de Madrid, que ten 5 escolares por cada aparello informático, unha taxa que cae aínda máis na nosa terra se atendemos ao ao equipamento do profesorado: Galicia está neste punto en peor posición có conxunto de España, dado que a media é de 2,2 profesores por cada equipo e na media de España é de 1,9.
Porén, o informe constata “que a conectividade dos centros a Internet é moi positiva”. Así, dise que “practicamente a totalidade dos centros educativos teñen conexión”, poñéndose Galicia, neste eido, en 1,2 puntos sobre a media estatal, cunha taxa do 95,8%. No que atinxe ao que se fai con eses equipamentos, o estudo sinala que o 91,6% dos centros educativos da Comunidade galega dispón de páxina web, pero o uso máis salientábel ten que ver co emprego de Entornos Virtuais de Aprendizaxe (EVA), que implica a entrada en xogo de tecnoloxías no proceso educativo (realización de exercicios, interacción co profesorado ou traballo en equipo). Neste eido, Galicia está á cabeza de todas as Comunidades e supera a media estatal en 34 puntos porcentuais. A desigualdade de uso é grande entre centros públicos (87,1%) e privados (28,8%), o contrario do que acontece no resto do Estado.
Polo respecta ás redes en si mesmas, o estudo do CCG constata as boas sinerxías que teñen establecido coa poboación de aquí. Así, oito de cada dez galegos úsanas e, dentro delas, Facebook é a máis empregada. O 81,4% das e dos internautas galegos elixen esa rede para comunicarse, informarse e subir fotos, comentarios e opinións. Xa, a moita distancia, Instagram é a segunda opción (55,3%), seguida de Twitter (47,3%) e LinkedIn (25,2%). O emprego deste servizos de comunicación en liña sitúanos por riba da media no conxunto de España.
Polo que respecta aos blogs, seguen un vieiro en caída, sexan da índole que sexan.
Das páxinas web, Google segue a ser a páxina máis consultada tanto en Galicia (28,7%) coma no conxunto de España (28,1%). A segunda cun meirande índice de acceso na nosa terra é La Voz de Galicia, cun 18,1%. YouTube, Amazon, Marca, El País, Faro de Vigo, Meteogalicia e Xunta de Galicia tamén están entre os sitios en liña máis visitados.
Con respecto aos servizos de mensaxes instantáneas, WhatsApp é o preferido, cun 95,1% dos usuarios. Séguenlle outros como Telegram ou Facebook Messenguer con taxas do 24,6% e o 13,7% respectivamente. Skype baixou o seu uso desde 2016 pois pasou do 36,6% ao 24,3%.
Respecto dos motivos para conectarnos, ler novas segue a ser o obxectivo principal (o 87% dos usuarios fano por ese motivo).
No que atinxe ao comercio electrónico, en 2018 houbo en Galicia 148.000 usuarios máis ca en 2015. Pola Rede mercamos sobre todo roupa e artigos deportivos.
No informe tamén se di que o ano pasado un 94,2% das nenas e nenos galegos de 10 a 15 anos usou o computador, un 95,3% accedeu a Internet e un 66,5% dispuxo de teléfono móbil.


PUBLICIDADE