Galicia participa no proxecto transfronteirizo Innov4life

martes, 27 de febreiro do 2024 Redacción

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, participou esta mañá no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no acto de lanzamento do proxecto Innov4life, o novo programa no que Galicia e Portugal colaborarán na procura de novas solucións dixitais para abordar as demencias e a dexeneración cognitiva.
Así, mediante unha dotación económica de 1,5 millóns de euros (a través do Programa Interreg POCTEP) e unha duración de tres anos, o proxecto establecerá un LivingLab que contará con instalacións na cidade de Vigo e na Santa Casa dá Misericórdia de Riba de Ave (Portugal).
Na compaña do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente; o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa; e do presidente da AFAGA Alzhéimer, Juan Carlos Rodríguez; Comesaña remarcou que a Xunta continúa coa súa aposta decidida por un Servizo Galego de Saúde «innovador e referente a nivel europeo», unha folla de ruta que xa lle supuxo o máximo recoñecemento da Unión Europea, como rexión de referencia no desenvolvemento de prácticas para un envellecento activo e saudable.
O proxecto Innov4Life contribuirá a pechar a brecha entre os axentes innovadores e os usuarios finais que forman parte do grupo demográfico ao que se dirixen estas solucións en saúde. Deste xeito, crearanse as condicións para poder validar estas solucións dixitais, posibilitando a súa proba, recepción e adopción entre os usuarios finais, e dentro da súa propia contorna.
Coa coordinación do Centro de Competencia para o Envellecemento Activo e Saudable da Universidade do Porto Porto4Ageing, un total de sete organizacións forman parte deste consorcio.
Neste senso, catro delas son galegas: a Universidade de Santiago de Compostela (USC); o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) a través da Área sanitaria de Vigo; a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS); e AFAGA Alzheimer. Así mesmo, o Parque de Ciência e Tecnologia da Universidade do Porto (UPTEC) e a Santa Casa dá Misericórdia de Riba de Ave, serán os representantes por parte de Portugal.
O evento estenderase durante dous días, e incluirá unha visita ao Instituto de Investigación Biomédica Galicia Sur, conducida pola súa Directora Científica, Eva Póveda.

Galicia, referente en proxectos de envellecemento activo

Esta iniciativa continúa coa traxectoria de Galicia que a levou a ter o recoñecemento por parte da Comisión Europea como rexión de referencia europea, no desenvolvemento de prácticas innovadoras, no marco da iniciativa estratéxica European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing (EIP on AHA).
O LivingLab de Saúde de Vigo será o segundo tras a experiencia en Ourense da rede LABSAÚDE, e contará coa colaboración do Servizo Galego de Saúde, Universidades, centros de investigación, empresas, organismos de apoio do sector da biomedicina e da biotecnoloxía e á sociedade. Trátase dun espazo de creación, que promove a innovación, a transferencia de coñecemento e o desenvolvemento dun tecido empresarial emprendedor no eido da saúde.

PUBLICIDADE