Galicia e Portugal potencian as renovables na Rede

venres, 6 de maio do 2011 Raquel Noya

Dende sempre, os galegos temos con Portugal un apego moi especial, ligado inevitablemente a aquela época na que ambas rexións eramos unha mesma, cos mesmos intereses e os mesmos obxectivos.
Hoxe, esta relación de irmandadade latente no eido empresarial, fíxose máis visible que nunca grazas á Rede, onde foi lanzada unha web para dar acollida ás PEME do sector das enerxías renovables da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Energytic.eu é o nome que leva este espazo virtual de entendemento galego-portugués, que por certo, foi lanzado dende a sede dunha das entidades que máis aposta pola innovación tecnolóxica no noso país: a Tecnópole.
Ata San Cibrao das Viñas, en Ourense, achegáronse esta mesma mañá máis de 50 empresas e entidades de toda Galicia, para informarse de primeira man, das vantaxes que ofrece esta plataforma ao servizo das enerxías renovables.
A iniciativa enmárcase no proxecto europeo ER-INNOVA, e está orientada a mellorar a competitividade das empresas do sector das enerxías renovables da Eurorrexión, mediante ferramentas tecnolóxicas.
Porén moitos dos empresarios e empresarias que pasarán a formar parte do espazo virtual, aínda non teñen os coñecementos suficientes para botar man desta tecnoloxía, polo que a Tecnópole celebrou unha xornada técnica na que, entre outras cousas, se explicou o funcionamento da web.
Foi unha xornada eminentemente práctica, que constituíu o “punto de encontro” inicial destas empresas e entidades, e que achegou información de utilidade das distintas ferramentas que hai dispoñibles na web, tales como un mercado virtual de bens e servizos, e un completo sistema de facturación electrónica que inclúe a custodia dos documentos emitidos para que estén dispoñibles en todo momento.
A posta en marcha do portal compleméntase coa outra liña principal de actuación do proxecto: o deseño e implantación de ferramentas para a xestión interna das pequenas e medianas empresas, a través de aplicacións de escritorio, entre as que destaca un sistema de planificación de recursos empresariais (ERP) especificamente deseñado para estas entidades.
Esta ferramenta xa está a ser implantada nas PEME participantes na fase piloto, e xa está dispoñible para a súa descarga online na web oficial do evento: Er-Innova.com.

PUBLICIDADE