Galicia defende a cooperación para afrontar os retos da aplicación da IA na industria

luns, 10 de abril do 2023 S. P.

O Goberno galego compartiu este luns 10 de abril os detalles de súa folla de ruta en materia de aplicación das tecnoloxías intelixentes na industria. Neste senso, a folla defende un “traballo colectivo” neste proceso de transformación e adaptación, “porque a súa complexidade e os retos éticos e normativos que se presentan para o seu uso requiren a colaboración das Administracións públicas, as universidades, a sociedade e as empresas”. Son palabras do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, quen inaugurou o encontro Asociación Española de Intelixencia Artificial para a Industria (INDESIA). No evento, no que tamén interveu a directora da axencia autonómica GAIN, Patricia Argerey, abordáronse os principais desafíos do dito proceso de adaptación.
Durante a inauguración Corgos incidiu na necesaria implicación das administracións públicas, como fornecedoras de servizos esenciais á cidadanía e como promotoras e facilitadoras dun desenvolvemento en beneficio da economía e a sociedade; das universidades e centros de investigación; da sociedade, que debe estar preparada para o manexo e xestión dos novos escenarios; e das empresas, tanto das que producen as tecnoloxías como das que as consumen para manter a súa competitividade.
Así mesmo, aseverou que “a aprobación temperá da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, a partir da vocación europea de liderado nunha Intelixencia Artificial fiábel e humanista, situou a Galicia na vangarda para o desenvolvemento destas tecnoloxías, unha aposta reforzada coa creación do nodo galego deste tipo de recursos avanzados e disruptivos, o nodo GalicIA, do que forman parte as tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia”.
Ao longo da súa intervención, Miguel Corgos resaltou que froito desta aposta pola colaboración é tamén a elaboración, por parte de equipos multidisciplinares das tres universidades, do primeiro estudo sobre o marco ético e normativo da IA que se elabora no ámbito autonómico español.
Ademais de facilitar o uso das tecnoloxías intelixentes nas pequenas e medianas empresas, o conselleiro apelou á colaboración para facer fronte ao reto de favorecer e reter o talento para cubrir esa necesidade e reducir, na medida do posíbel, as dependencias do exterior.
Intervención da directora de GAIN
Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou que a dixitalización é unha das tres prioridades transversais da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3), xunto á sustentabilidade e as persoas, co “obxectivo de consolidar un modelo de crecemento baseado no coñecemento e na innovación e dar resposta aos retos globais”. Para acadar este obxectivo, dixo, puxéronse en marcha instrumentos como os Hubs de Innovación Dixital, que facilitan a integración de tecnoloxías emerxentes nas pemes, así como iniciativas estratéxicas como a Cidade das TIC, o Polo de Tecnoloxías Cuánticas ou o Polo Aeroespacial de Galicia.
No marco deste último, a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación participa no programa Retech, para a optimización das cadeas de valor en sectores estratéxicos da economía e con vistas á mellora da produtividade e da calidade de vida a través da aplicación da Intelixencia Artificial desde unha visión humanista, ética e medioambiental. Retech artella proxectos de varias comunidades autónomas orientados á transformación e especialización dixital. Algúns obxectivos de Galicia neste programa son o desenvolvemento de algoritmos e solucións de IA baseadas en UAV (siglas de Vehículos Aéreos non Tripulados) de interese para as distintas empresas ou a federación de datos para a creación de sinerxías entre empresas e sector público e privado.
A directora de GAIN lembrou que a través de Retech convocarase en datas vindeiras un novo programa de axudas de Compra Privada de Innovación dirixido a empresas de calquera sector que queiran desenvolver solucións baseadas en tecnoloxías de sistemas non tripulados e Intelixencia Artificial en colaboración con centros de coñecemento e pemes galegas. Estas comprométense a integrar a solución desenvolta se resolve o seu reto ou necesidade.

PUBLICIDADE