Galicia contará cun Plan 5G

xoves, 26 de xullo do 2018 Redacción

O presidente da Xunta avanzou hoxe a posta en marcha do Plan Galicia 5G, que permitirá á nosa comunidade captar solucións tecnolóxicas en fase piloto baseadas neste método ultrarrápido de transmisión de datos. Esta medida ten un dobre obxectivo: Por unha banda, converter a Galicia nun dos primeiros territorios europeos en dispoñer desta tecnoloxía e, pola outra, conseguir que se instalen na nosa comunidade os equipos de desenvolvemento de equipamento e software necesarios.

Para iso, o Plan Galicia 5G márcase catro liñas de actuación con medidas concretas:
1. Elaborar unha ordenanza municipal tipo, promovida pola Xunta e a FEGAMP. Deste xeito, definirase un catálogo de solucións técnicas válidas e porase en marcha unha Oficina de asesoramento 5G para os concellos.
2. Poñer en marcha o Nodo de cooperación rexional 5G, coordinado polo operador público Retegal.
3. Lanzar, entre este ano e o próximo, as primeiras probas de concepto baseadas nesta tecnoloxía.
4. Crear un Plan de formación especializada.

Galicia ten potencial suficiente para acoller desenvolvementos que faciliten despregar redes 5G nunha fase posterior. E é que a nosa comunidade conta cun sector TIC potente con 21.000 profesionais e preto de 3.400 empresas; con universidades e centros de referencia; e con proxectos innovadores relacionados co 5G, como o Consorcio Aeronáutico de Galicia ou o corredoiro Vigo-Oporto.
En concreto, esta tecnoloxía indispensable na evolución de elementos innovadores permitirá impulsar a transformación dixital do rural, mellorar a atención ás persoas maiores ou con doenzas crónicas, prestar servizos médicos a distancia e ofrecer servizos turísticos máis especializados.

PUBLICIDADE