Galicia contará cun Centro de Artes Dixitais e unha sección propia na plataforma Filmin

martes, 27 de xuño do 2023 S. P.

A Consellería de Cultura e Educación programará durante este verán máis de 2.500 actividades que mobilizarán preto de 4 millóns de euros. Así o avanzou o conselleiro Román Rodríguez, poñendo o foco na nova marca CulturON, que dará acubillo (en colaboración con distintas empresas e administracións locais) a máis de 300 festivais de música, teatro e audiovisual, máis de 60 exposicións e ao redor de 70 iniciativas de teatro e danza. Sumaranse 300 concertos, así como máis de 800 actividades de dinamización da lectura, de extensión das bibliotecas móbiles e das feiras do libro, preto de 300 actuacións no programa Cultura no Camiño e outros centos de actividades varias. Tamén haberá importantes novidades tecnolóxicas que detallou o conselleiro noutros capítulos da súa presentación. Por exemplo a posta en marcha do Centro de Artes Dixitais ou a sección propia de contidos en galego na plataforma Filmin.

Centro de Artes Dixitais de Galicia

No eido dos museos, dixo que este mesmo mes botarán a andar algúns grandes proxectos nos museos galegos como a exposición conmemorativa do Seminario de Estudos Galegos que se poderá ver na Cidade da Cultura de Galicia logo de rematar na Coruña Picasso branco no recordo azul, evento cultural do ano polo que pasaron 50.000 persoas en tres meses.
Dentro da atención ao rural, con programas como Territorio Cultura, o conselleiro adiantou que está previsto crear a Rede de dinamización cultural no rural. E dentro da estratexia para ampliar públicos e garantir o acceso á cultura a todas as persoas, estase cos trámites finais da Lei de cultura accesíbel e inclusiva para a súa próxima remisión ao Parlamento, engadiu.
O Plan de arquivos da Xunta de Galicia 2022/26, para mellorar a xestión destes centros e potenciar a difusión do patrimonio vinculado a eles, así como o II Plan Estratéxico 21/27 da Cidade da Cultura, foron outros dos asuntos abordados. “Queremos aproveitar as oportunidades da tecnoloxía como motor cultural e económico, e seguir poñendo en valor e divulgando o patrimonio galego”, engadiu sobre o futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia, “o primeiro deste tipo na nosa Comunidade e tamén pioneiro a nivel nacional”. Como explicou, “alí vanse desenvolver actividades innovadoras de apoio á creación dixital e está previsto que nas próximas semanas se licite o contrato para a redacción do proxecto para que os primeiros traballos estean en marcha a finais de ano”. Será unha das pancas de impulso da futura Lei de cultura dixital na que a Consellería traballa, apuntou.

Proxecto Nós e Filmin

No que atinxe ao ámbito da Política Lingüística, Román Rodríguez referiuse “á importancia de ter en marcha xa tres das primeiras ferramentas do Proxecto Nós para asegurar que o galego forme parte dos novos usos tecnolóxicos”. A previsión, dixo, “é que despois do verán dea comezo unha campaña de doazón de voz a través de todo o territorio galego e tendo en conta as variedades dialectais”. Mencionou, ademais, iniciativas postas en marcha con grandes compañías do mundo audiovisual para favorecer a presenza do galego. Así, despois de que hai unhas semanas Spotify activase a opción en galego, avanzou que se vén de asinar un acordo coa plataforma Filmin para crear un espazo dedicado a contido galego ou subtitulado en galego.

PUBLICIDADE