Galicia contará coa tecnoloxía máis avanzada de Europa en simulación de tráfico con drons

luns, 6 de marzo do 2023 S. P.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, estivo este luns 6 de marzo na presentación dos simuladores U-Space incorporados ao Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), incorporación da que falamos dende Código Cero poñendo o foco na participación da axencia autonómica GAIN neste reforzamento tecnolóxico, co que se busca experimentar con UAV (vehículos aéreos non tripulados) para ampliar as súas posibilidades en materia de tráfico aéreo. Rodríguez, pola súa banda, fixo fincapé na participación do Goberno estatal. Segundo fixo saber en relación a estes simuladores, o Ministerio de Ciencia e Innovación, a través do CDTI, investiu 10,9 millóns nunhas novas solucións innovadoras en Galicia que “situarán a Lugo na vangarda do sector aeroespacial de Europa”.
Grazas a estes fondos, dixo, a nosa Comunidade vai contar a partir de agora coa tecnoloxía máis avanzada de Europa na simulación de contornas de xestión de tráficos de drons, incluíndo a interacción con contornas ATM.
Os prototipos presentados entregáronse ao CIAR no marco do convenio entre o CDTI e a Xunta. O seu obxectivo, lembrou Rodríguez, é “proporcionar un sistema interoperábel e aberto para a xestión estratéxica e táctica de continxencias, a xestión da seguridade operacional, a xestión do tráfico aéreo en operacións UTM (xestión de tráfico non tripulado) e a súa integración con ATM (xestión de tráfico aéreo)”.
Segundo engadiu, as solucións innovadoras foron desenvolvidas por Indra Sistemas e Boeing Aerospace Spain e contaron cun orzamento total do proxecto de 10,90 millóns de euros, dos cales un 20% foi achegado de forma directa polo CDTI e o 80% restante foi co-financiado con Fondos FEDER 2014-2020. Nos equipos de desenvolvemento, os proxectos contaron coa participación de subcontratistas como Enaire, Airbus, Fada-Catec, Crida, Aslogic, UPM, Gradiant, Centum, ITG (Instituto Tecnolóxico Galicia), Everis, CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) ou Universidade de Vigo.
En concreto, os proxectos en desenvolvemento achegan propostas tecnoloxicamente innovadoras que:
• Conterán elementos que permitirán analizar o impacto das condicións nas comunicacións, o tráfico, os sistemas de navegación, a climatoloxía ou o terreo.
• Permitirán a reguladores e operadores económicos avanzar nos procesos de certificación e estandarización, á vez que reducirá os custos e facilitará a experimentación de novas solucións.
• Proverán das capacidades necesarias para xerar escenarios de simulación en contornas de mobilidade aérea avanzada no que coexistan vehículos aéreos de capacidades diversas.
• Permitirán avaliar como se poderá xestionar o fluxo de tráfico U-Space en contornas urbanas, e tamén os diferentes sistemas e servizos.

PUBLICIDADE