Galicia achega tecnoloxía smart para garantir a máxima seguridade no mar

mércores, 27 de decembro do 2017 Redacción

As empresas galegas Bastet, Insitu, Scio e EGATEL están a rematar o ano (o ano do 25 aniversario de EGATEL) cunha ampla repercusión das súas tecnoloxías a nivel internacional. E fano a través do Proxecto Polarys, no que participan xunto ao Grupo Cellnex (líder do proxecto) e os centros tecnolóxicos Gradiant e Cinae, co obxectivo conxunto de responder con tecnoloxías intelixentes ao desafío de mellorar e optimizar o seguimento e identificación de buques en alta mar, con vistas a facer máis efectivas e eficaces as accións de emerxencia, apoio, control ou rescate. Máis en detalle, do que se trataría é de mellorar a circulación marítima, especialmente en áreas de moita presenza de buques ou con atrancos de cobertura, ampliando as posibilidades da identificación AIS (Automatic Identification System) que carrexa cada buque e que recolle datos como o seu nome, o rumbo, o destino, a derrota ou a velocidade.
En circunstancias normais, este sistema permite aos axentes de terra e ao restante fluxo marítimo ter información real e actualizada sobre cada embarcación dunha contorna. Porén, en certas situacións (mal tempo, exceso de tráfico marítimo) o sistema non achega a operatividade desexada. Para solucionalo xorde precisamente o Proxecto Polarys, unha iniciativa de gran relevancia e significado por ser a nosa costa un ámbito de risco, por múltiples factores, tal e como demostra o elevado número de naufraxios que se teñen rexistrado en diferentes épocas, incluída a época máis recente. Segundo informan os responsábeis de Polarys, non é casual a presenza galega neste consorcio, “que está relacionada, por unha banda, cos estreitos vencellos da nosa terra co mar e, pola outra, coa presenza de importantes compañías que resultan óptimas para o desenvolvemento de todos os campos do proxecto”.
Respecto das achegas de cada quen, a de Cellnex ten que ver cos servizos avanzados de telefonía, datos e radiodifusión. EGATEL, pola súa banda, participa no proxecto desenvolvendo e deseñando o equipamento de transmisión e recepción (grazas á súa longa experiencia en materia de equipamento avanzado para a TV e para a comunicación vía satélite). A coruñesa Scio achega a súa bagaxe en enxeñería TIC e en innovación no desenvolvemento de solucións para a seguridade marítima, tal e como ten demostrado en iniciativas tan salientábeis como Smarnet, dirixida a fomentar e impulsar a pesca intelixente. Polo que respecta a Bastet e Insitu, con sede en Vigo, teñen unha importante traxectoria en vídeo vixilancia e en tecnoloxía de escáner láser, respectivamente. A concorrencia de Gradiant e Cinae, pola súa banda, está relacionada para fornecer ao proxecto de “asistencia técnica de alto nivel e validación da información xerada”.
Polarys, máis polo miúdo, centra boa parte dos seus esforzos en sacarlle rendemento ao sistema estándar VDES (VHF Data Exchange System), que serve, dentro da frecuencia VHF, para intercambiar información dixital de maneira inmediata. En detalle, ao abeiro de Polarys desenvolverase un transceptor baseado no devandito novo estándar VDES, un sistema con gran potencial de uso que promete mellorar as prestacións do seu antecesor para as comunicacións marítimas, o sistema AIS do que falamos anteriormente, ceibándoo a maiores da sobrecarga á que decote é sometido (tanto que chega a superar a súa capacidade, en certas zonas, nun 80%). Segundo indican os responsábeis de Polarys, VDES postúlase “como o futuro das comunicacións marítimas, dando a posibilidade de novas oportunidades de innovación e mercado nos próximos anos”. Entre as súas principais características inclúense as seguintes:
-É compatíbel con AIS e permite a integración coa rede actual.
-Rango de cobertura amplo con respecto a AIS.
-Aumento na seguridade.
-Maior taxa de transferencia.
-Liberación da carga VDL (VHF Data Link).
-Soporte a novas aplicacións.
Entre as aplicacións posíbeis, os responsábeis do proxecto salientan tamén a posibilidade de achegar sinalización automática con balizas virtuais, cartas de navegación en 3D e soporte a servizos integrais de seguridade a bordo. Destaca tamén polo seu alto nivel de seguridade.

PUBLICIDADE