Galicia acada o nivel de Europa en canto a conectividade e uso da Rede segundo un informe de Fundación Telefónica

venres, 5 de maio do 2023 S. P.

Segundo o informe publicado pola Fundación Telefónica, A Sociedade Dixital en España 2023 máis da metade (50,5%) dos galegos merca xa por Internet de xeito habitual, un dato que reflicte o imparábel crecemento da venda en liña en Galicia e, en xeral, do uso das ferramentas dixitais e da conectividade entre a poboación da nosa comunidade autónoma.
O dito informe deixa ver unha Galicia cun alto grao de conectividade, na que o 93,4% da poboación ten acceso a Internet e na que se produciu un incremento significativo (do 4,8%) da porcentaxe de vivendas con banda ancha fixa, que acada xa o 77,8%.
Galicia xa está aliñada con Europa nos principais cocientes de conectividade e uso de Internet. O 97,5% da poboación emprega Internet de maneira regular, só medio punto por baixo da media europea. Entre os menores de 10 a 15 anos, o 95,6% usa Internet de xeito habitual, un 7% máis que a media española, e medra de xeito significativo (un 5,2% máis que en 2021), os menores que teñen teléfono móbil, chegando ao 63,9%.
En canto aos servizos empregados vía Internet pola poboación en xeral, os que máis aumentaron son as chamadas e videochamadas (5% de incremento, e usado polo 71,7% da poboación) e a procura de información, que medrou un 7,6% e úsaa xa o 76,7% da poboación. O 74% dos galegos merca roupa en liña e increméntase moito (un 7,8%) a porcentaxe de poboación galega que pide comida a domicilio, un 43,5%.
De falarmos das empresas galegas, estas alíñanse tamén con Europa, e superan nalgúns parámetros á media española. É o caso do acceso a Internet mediante banda ancha móbil mediante 3G ou superior, que aumentou en só un ano (o 9,5% máis), e que chega xa ao 87% das empresas, o 4,2% máis que a media española.
Asemade, medra tamén (un 3,1%) o número de empresas que emprega a mulleres especialistas no sector TIC, xa o 46,2%, e comezan a introducirse as altas tecnoloxías aplicadas aos procesos de produción, cun 11,4% que usa Big Data e un 10,9% que se serve da Intelixencia Artificial (IA). Galicia atópase entre as comunidades autónomas cunha porcentaxe máis alta de empresas que reciclan equipos TIC.
No caso de España, avanza a bo ritmo no seu proceso de transformación dixital e é líder en termos de conectividade. O Índice da Economía e a Sociedade Dixitais (DESI) que elabora anualmente a Comisión Europea situaba ao noso país en 2022 no posto número sete dentro da listaxe dos Estados membros, dous postos máis arriba que en 2021. Só é superada neste ámbito por Finlandia, Dinamarca, Países Baixos, Suecia, Irlanda e Malta.
España é un país que dispón dunha dotación de infraestruturas moi avanzada, tanto en relación cos países europeos, como no marco da OCDE, grazas á súa temperá aposta pola fibra óptica na pasada década e ao rápido despregamento do estándar de telefonía móbil 5G que está a levar a cabo nestes últimos anos.
Na nosa contorna europea produciuse un notábel avance da fibra, cunha cobertura do 70,2% no conxunto da UE. España sitúase en cuarta posición cunha cobertura do 93,8%, superada unicamente por Malta, Luxemburgo e Dinamarca.
Para máis información cómpre visitar a web da Fundación Telefónica.

PUBLICIDADE