Galicia, á cola no emprego de Internet

luns, 11 de febreiro do 2008 Raquel Noya

Segundo un estudo levado a cabo pola Asociación de Investigadores en Medios de Comunicación (AIMC), Galicia é a segunda comunidade autónoma española na que menos se emprega Internet xa que tan só un 33 por cento da poboación galega de máis de 14 anos empregou a Rede polo menos nunha ocasión durante o último mes.
A xulgar por datos recollidos por Europa Press a partires do balance xeral dos medios en España, o promedio de emprego de Internet para 2007 no conxunto da poboación española maior de 14 anos fíxase nun 41,1 por cento, mentres que o emprego diario da Rede sitúase nun 26,2 por cento, cifra que supera á galega en 8,1 puntos.
Por debaixo da nosa terra no emprego de Internet tan só se atopa Estremadura, cun 24,4 por cento de usuarios maiores de 14 anos.
Entre as comunidades autónomas que superan a media nacional sitúanse Canarias (cun 43 por cento), Cantabria (cun 43,2 por cento), Navarra (cun 43,4 por cento), Cataluña (cun 47,5 por cento), Baleares (cun 48,2 por cento) e a Comunidade de Madrid, que é a única que supera unha media de emprego de Internet do 50 por cento da poboación.

PUBLICIDADE