Galicia Open Future amparou a 3 proxectos turísticos de base tecnolóxica

luns, 1 de xuño do 2015 Redacción

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto coa directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, visitaron hoxe a sede operativa do programa ‘Galicia Open Future’ no centro de crowdworking do Gaiás

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto coa directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, visitaron hoxe a sede operativa do programa Galicia Open Future no centro de crowdworking do Gaiás, na Cidade da Cultura, o que serviu para que as directoras puideran coñecer esta iniciativa que aglutinou nesta primeira edición máis de 150 emprendedores pertencentes a 50 proxectos diferentes neste centro de emprendemento da Cidade da Cultura dos que 3 pertencen ao sector turístico, converténdose Galicia Open Future no primeiro programa de startups en Galicia que alberga proxectos turísticos.
Durante a visita, Nava Castro e Susana Rodríguez puideron afondar nestes tres proxectos, Bluscus, Ubiplay Mobile e CreAPPcuentos, nun encontro cos promotores destas iniciativas de innovación turística.

Tres proxectos turísticos de emprendemento

Bluscus é unha startup de dous mozos emprendedores galegos. O seu obxectivo é ser referente do turismo mariñeiro a nivel mundial, a través da comercialización na súa web de experiencias arredor do marisco, dende a extracción ata o seu desfrute.
Pola súa parte, Ubiplay Mobile desenvolveu unha aplicación multi-plataforma para vivir aventuras en calquera momento e lugar, a través dos smartphones. Esta aplicación permite realizar campañas de mercadotecnia xeolocalizadas, rutas e xogos colaborativos.
Por último, CreAPPcuentos é un editor de contos deseñado para infantil e primaria que permite xerar os teus propios contidos, engadindo a túa propia voz e/ou texto, para aprender xogando. A aplicación consegue, así, reforzar aprendizaxes e educar en valores, sincronizándose coa demanda da sociedade actual no uso das tecnoloxías da información e a comunicación, así como nas novas tecnoloxías da aprendizaxe e a educación.

PUBLICIDADE