Galicia Open Future acelera un proxecto para pór freo ao roubo de cobre no ámbito eléctrico: Acute Cable

mércores, 28 de setembro do 2016 Redacción

O centro de crowdworking que Telefónica impulsa en Santiago, Galicia Open Future, é hoxe unha fonte de recursos para un mundo mellor conectado, máis seguro e con empresas e institucións mellor xestionadas e sustentábeis. Un exemplo disto é a tecnoloxía que está a despregar o proxecto Acute Cable, con sede na dita aceleradora do monte Gaiás e impulsado por dous emprendedores galegos: Óscar Valcuende (A Coruña) e Marcos Balboa (Lugo). Trátase dun sistema enfocado a evitar o roubo de cable de cobre en instalacións eléctricas, unha práctica delitiva que leva anos presentándose como un problema de gran calibre para empresas e administracións (basicamente un furado por onde se perden importantes investimentos, esforzos, recursos e xeiras de traballo). O sistema tamén achega solucións que melloran a eficiencia enerxética.
Máis en detalle, Acute Cable posibilita facer seguimento dende diferentes dispositivos das redes de iluminación a través dun chip que se coloca nos farois e que vai fornecendo en tempo real información sobre o seu estado á cabeceira. Desta forma, pódese coñecer de forma exacta cando e onde se produce unha avaría ou incidente (os farois están xeoposicionados) e realizar a continuación o labor preciso de mantemento correctivo.
A tecnoloxía, a maiores, permite aforros enerxéticos das 25% grazas ao control da intensidade, entre outras vantaxes. Neste intre, segundo nos lembran os seus desenvolvedores, o proxecto está a espertar o interese dun bo número de empresas construtoras, parques industriais, urbanizacións de veciños e administracións, co fin de optimizaren o control e a xestión das súas redes de alumeado público.
A maiores, a finais deste mes, está previsto que os impulsores da iniciativa realicen unha proba piloto no concello de Sada.
As orixes
Segundo fan saber os seus creadores, Acute Cable xorde da unión de dous proxectos, un de eficiencia enerxética e outro de urbanismo. A intención foi achegar, a través desta fusión e dunha vontade clara de fornecer tecnoloxías de utilidade, pioneiras e específicas, unha solución real ao roubo de cobre, “un problema que administracións e empresas non eran quen de solucionar”. Os impulsores do proxecto engaden que detrás deste recurso tecnolóxico houbo un importante traballo de desenvolvemento de aplicacións propias, utilidades en materia de aforro enerxético, seguridade viaria, vixilancia e información a través da Rede.

PUBLICIDADE