Galegolab pon a primeira pedra do que será unha guía en liña de negocios a prol do galego

luns, 27 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

A Libraría Couceiro de Santiago, un bo exempo de local normalizador da nosa lingua

Cómpre relembralo sempre: o galego é un valor. Isto que é aplicable á comunicación na nosa vida diaria tamén se pode estender ao eido empresarial e económico. Do mesmo xeito que nos gusta saber se nun negocio determinado nos van atender ben, tamén é de xustiza coñecer se nos van falar na nosa lingua. Que logo merquemos ou non a cousa ou o servizo que se nos ofrece, éche outro cantar. Galegolab.org quere avanzar neste punto: encher o baleiro que existe a día de hoxe no eido das guías (telefónicas e de negocios) no que a informar do emprego do galego se refire. A iniciativa, que como todas as que abrollan de Galegolab se dirixe a introducir o noso idioma onde non se emprega ren, require da posta en marcha dunha páxina web de tipo participativa. Este sitio, que para o seu impulso e mantemento precisaría de webmasters dispostos “a traballar pola causa”, sería unha plataforma aberta as 24 horas a calquera suxestión e achega de información sobre todas aquelas empresas que usan o galego.
Estas serán de todo tipo: empresas en xeral, prensa, restaurantes, bares, tascas, pubs, editoriais, tendas, lugares de lecer (parques, salas de cinema, salas de teatro, salas de xogos, asociacións ou centros culturais), organizacións, colectivos, negocios varios, hoteis, moteis, etc. Todo terá cabida, polo tanto, nesta guía branca dos negocios en galego. Segundo informan dende Galegolab, non terán cabida na escolma as empresas que só usen a lingua a niveis de base, só no nome da firma ou do servizo ou con aqueles clientes que así o soliciten, directa ou indirectamente. Non, o que se busca é un emprego da lingua normal e normalizado.”Procuramos locais que empreguen a nosa lingua tanto no nivel escrito como no falado e onde o galego teña incidencia”, sinalan.
Os datos que seguindo estes criterios se recaden, subiranse á web para logo abrir un proceso de votación e debate para que os internautas coñezan os locais expostos e dean a súa opinión sobre o pendurado en liña. Aqueles locais que presenten unha votación negativa e cuxa información non se adapte á realidade serán eliminados da web.

PUBLICIDADE