GalegoLab pecha ano con 34 ideas a prol da lingua e máis de mil usuarios
luns, 2 de xaneiro do 2012
A plataforma GalegoLab,
dirixida a empregar a Rede para a normalización da nosa lingua, na propia Rede
pero sobre todo nos eidos da nosa vida onde aínda está pendente de normalizar,
rematou o ano facendo reconto dos froitos recollidos ao longo dos doce meses
previos. En total, foron catorce proxectos os desenvolvidos a raíz de
GalegoLab, proxectos que teñen todos en común o valor de levar o galego a onde
xa non seu usa, ou onde non se usou nunca, e que se converteron en realidade
grazas ao traballo, man con man, dos membros da comunidade en liña: en total,
1.015 internautas a día de hoxe. No que respecta ás pre-iniciativas, esas
propostas que comezan a camiñar e están a piques de botar a correr, a
plataforma ten arestora un total
de 34 ideas a prol do galego.
Os proxectos máis que se desenvolveron na
páxina ou que agora están en marcha son:
· Pinchada
de música, toda en galego, que se fixo en Vigo en setembro do ano pasado.
· 24 horas galego
fullscreen, un concurso de vídeos nos que os participantes relataban como
era para eles un día en galego e no que o gañador foi Co galego… ata o inferno.
· Fútbol galego,
fútbol en galego busca que o equipo de fútbol da Coruña, o Dépor, comece a
usar o galego nas súas comunicacións.
· Memoria
Pixelada é un blog sobre videoxogos na nosa lingua, para o que o seu coordinador
atopou en GalegoLab tres colaboradores.
· A galega para 145 millóns de usuarios e A
lingua galega máis alta no Twitter, dúas
iniciativas que colocaron a etiqueta #galega
entre os temas do momento na rede social
Twitter o 6 de outubro e o 17 de decembro de
2010, para conmemorar o aniversario do primeiro mitin político en galego e o
cabodano da execución de Pardo de Cela, respectivamente.
· Guías de viaxes en galego
e por galegos, os voluntarios apuntados están escribindo guías de viaxes
sobre diversas cidades.
· Agasallo sincronizado
para o mundo. A partir dunha partitura básica, invitouse a quen quixera a
realizar unha versión propia para que, no Día das Letras Galegas, calquera puidese
enviar a súa preferida ós seus contactos para celebrar esta festa. Recibíronse estas.
· Literatura
infantil en galego. Neste momento, estanse a escribir e ilustrar dez contos
infantís en galego.
· Falemos de cinema na
nosa lingua. Neste proxecto, os directores da Cuarta Parede, unha revista dixital
de crítica cinematográfica, atoparon catro persoas que lles axuden a traducir
os artigos que os colaboradores lles envían noutros idiomas.
· Galego +. Busca
felicitar a aquelas empresas que empregan a nosa lingua enviándolles correos
electrónicos.
· Twitter en
galego atopou xente voluntaria para facer a tradución ó galego da rede social.
Actualmente estase á espera de que o propio Twitter a autorice.
· Guía Branca pretende
crear unha web, a modo de base de datos, sobre todo tipo de establecementos que
empreguen o galego.
· Skype en galego
busca que Skype acepte como oficial e ofreza a todos os usuarios a tradución
que o xestor da idea xa ten feita.
· Documental audiovisual
sobre a diáspora galega ten como obxectivo a
realización dun documental sobre a nova
diáspora galega, a 2.0, máis ligada á terra
grazas ás novas tecnoloxías do que o estiveran
os emigrantes de xeracións anteriores.
GalegoLab é unha organización sen fin de
lucro, fundada en 2010, que, segundo nos contan os seus impulsores dun xeito máis específico, ten “como obxectivo o impulso
de accións concretas de promoción da lingua galega, cun enfoque de
abaixo-arriba, con especial incidencia nas culturas emerxentes e na naturalidade da vida cotiá”.
A súa ferramenta principal é a web GalegoLab,
unha rede social de crowdsourcing,
para concitar apoios ás accións propias e as que propoñan os usuarios e outros colectivos. A web está en marcha dende o 20 de maio do 2010. O pasado 14 de setembro
recibiu o primeiro premio da Secretaría Xeral de Modernización ao desenvolvemento de contidos en Internet na categoría de promoción do Patrimonio, Cultura e Lingua Galegas.