Galegas Dixitais leva novas actividades de capacitación TIC a Ponteareas, Vigo, Pontevedra e Silleda

mércores, 16 de agosto do 2023 S. P.

O programa de formación tecnolóxica para mulleres Galegas Dixitais prosegue a súa xira pola nosa terra nestes meses de agosto, setembro e outubro. Trátase dunha serie de obradoiros cos que introducir ás participantes en competencias dixitais básicas e avanzadas con vistas á posta en marcha de iniciativas de emprendemento. As vindeiras actividades levaranse a cabo en Ponteareas (a partir do 17 de agosto en horario de mañá), en Vigo e Pontevedra (a partir do 28 de agosto) e máis en Silleda (a partir do 4 de setembro e até o 13 de outubro, na Casa da Xuventude).
Os obradoiros veñen da man de Beproject e ARA Formación. Galegas Dixitais é un programa financiado por fondos Next Generation da UE e promovido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
A iniciativa inclúe cursos gratuítos dirixido a mulleres de tres módulos con 40 horas cada un. As asistentes recibirán un portátil de regalo e o título oficial acreditativo. Abordaranse cuestións como as competencias dixitais básicas e avanzadas para a actividade empresarial e profesional.
Para máis información cómpre visitar a web www.galegasdixitais.es ou chamar aos números 604 03 95 75 e 886 20 37 63.

PUBLICIDADE