Galaxia vai pór en marcha unha innovadora plataforma para produtos dixitais

mércores, 6 de agosto do 2014 Redacción

O noso sector do libro busca o seu camiño. Case con toda seguridade e agora que o panorama de axudas á edición en galego aseméllase cada vez máis a unha paisaxe erma, non queda outra que renovarse. A Rede pode ser unha resposta? Se cadra si, pero só a medias. Hoxe soubemos que unha das nosas editoriais máis senlleiras e antigas, Galaxia, está a piques de iniciar unha nova andaina. Será unha nova etapa con algo máis ca un ollo posto na Rede. En certa maneira, semella que Galaxia vai pór enriba da Rede boa parte do seu peso. Os seus responsábeis teñen en mente lanzar unha plataforma para produtos dixitais. Dende alí venderíanse cousas como libros electrónicos.
Isto formaría parte dunha renovación moito máis fonda. Para comezar, a xunta de accionistas da editorial quere duplicar o capital social da empresa en dous anos. Ou sexa, chegar aos 600.000 euros (partindo dunha base de 247.000). Para acadalo, Galaxia abriu un proceso de recadación que xa se saldou, polo de agora, coa obtención de 270.000 euros.
De xeito paralelo e complementario, a axenda de renovación da empresa abrangue a posta en marcha da devandita plataforma dixital. Será un recurso en liña para a promoción e distribución de produtos culturais (Galaxia Dixital). O denominador común dos produtos será a cultura galega. Venderanse libros e papel e facilitaranse ao máximo as descargas de libros electrónicos. Segundo conta Galicia Confidencial reflectindo informacións de Galaxia, esta plataforma “poderá colaborar ou mesmo instalarse noutras plataformas xa operativas”. A intención é que nos primeiros meses do ano vindeiro se presenten 200 títulos para descarga dixital, todos extraidos do catálogo histórico de Galaxia.

PUBLICIDADE