Galaxia publicará a obra de Casares en edición dixital

xoves, 8 de marzo do 2012 Raquel Noya

Con motivo do décimo cabodano do inesperado pasamento de Carlos Casares, que se celebra mañá día 9 de marzo, a Editorial Galaxia vai lanzar á Rede a obra dixitalizada deste autor galego, do que din “os guiou durante tantos anos”, e que ademais de escritor, “foi compañeiro e amigo”.
Farao no marco da iniciativa Dez anos con Carlos Casares, que entre outras cousas, inclúe o lanzamento dun blog de seu no que escritores, estudosos, críticos e lectores poidan envorcar, a través das distintas entradas, a súa visión particular sobre a vida e obra do autor de Ilustrísima.
O blog, ao que se poderá acceder directamente dende unha ligazón específica disposta na web da editorial, irase actualizando cada dúas semanas con artigos de “diversa profundidade”, e estará activo soamente ata finais deste ano.
Deste xeito, os internautas seareiros da boa lectura que ademais gustan dos trebellos máis modernos do mercado para gozar dunha nova experiencia, poderán acceder á obra de Casares en formato dixital, así como achegar os seus comentarios no blog habilitado a estes efectos na Rede.

PUBLICIDADE