Galaxia permite acceder de balde aos 156 primeiros números da revista Grial

venres, 15 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

A Editorial Galaxia, coincidindo co 70 aniversario da súa fundación, decidiu publicar en aberto na web e en formato PDF os 156 primeiros números da revista Grial, correspondendo os 100 primeiros á etapa na que a dirixiron Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego (1963-1988) e os 56 restantes á etapa dirixida por Carlos Casares (1989-2002). Nos vindeiros meses pretenden achegar as publicacións realizadas até 2019 con Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo na dirección da histórica publicación.
Dende Galaxia lembran que nos primeiros anos da editorial estaba prohibida a publicación de novas revistas, o que supliron con cadernos monográficos trimestrais da Colección Grial, que só conseguiu manterse entre 1951 e 1952, xa que a censura franquista freou o proxecto e non foi até 1963 cando puideron botar a andar Grial. Revista Galega de Cultura baixo o paraugas dunha nova Lei de prensa, e que converteuse nun importante instrumento da cultura galega, logro especialmente meritorio xa que estamos ante unha iniciativa altruísta que conseguiu manter o seu pulo durante varias xeracións.

PUBLICIDADE