Gadis súmase á festa das letras

mércores, 13 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Quen fose hoxe por algún establecemento Gadis e ollara en fite a ilustración incluída nas bolsas de plástico saberá que a empresa galega non quixo deixar a oportunidade para sumarse á celebración deste domingo 17: a dupla conmemoración das nosas Letras (que este ano homenaxean ao escritor e investigador de Láncara, Ramón Piñeiro) e Internet. De feito, entre as iniciativas que o grupo galego de supermercados puxo en xogo para festexar a nosa cultura inclúese a incorporación da biografía de Ramón Piñeiro nun total de 4,5 millóns de bolsas e, a maiores, a distribución gratuíta (e até fin de existencias) nos 163 establecementos que a empresa ten nosa xeografía de 25.000 libros en galego. Esta achega, que xunto coas que o grupo puxo en marcha previamente na mesma liña dá unha cifra de 95.000 obras repartidas, foi presentada polo director de Comunicación da firma, José Luis Fernández Astray, e mailo director de Marketing, Antonio Cortés, nun acto que contou coa presenza do escritor Santiago Lopo, autor de Game over, un dos libros incluídos na distribución gratuíta.
Por certo que no almorzo de prensa tamén interviu o irmán de Ramón Piñeiro, Aníbal Piñeiro, quen fixo unha semblanza do autor homenaxeado este ano o 17 de maio.
A idea de Gadis con este subministro masivo de volumes e bolsas conmemorativas foi ir alén do acadado en anos anteriores: tanto no que se refire á cantidade de obras bibliográficas postas en xogo (5.000 máis que nas edicións previas) como no que atinxe á información mesma sobre a festa do 17 e o autor ao que se rende tributo, presente agora nun gran número de fogares galegos grazas aos 4,5 millóns de bolsas habilitadas.

PUBLICIDADE