GPUL retoma os seus XovesLibres amosando as vantaxes dos programas de asesoramento para a creación de software libre

luns, 9 de marzo do 2015 Redacción

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux retoma a súa actividade formativa e divulgativa arredor do código aberto e as súas utilidades. E faino a través dunha nova edición dos seus Xoves Libres, de novo recuncando na súa sede de operacións como espazo formativo: a Facultade de Informática da Coruña. Sen ir máis lonxe, este xoves 12, a partir das 17.00 horas, GPUL organiza no laboratorio 0.1w da facultade unha charla dirixida a animar aos seareiros das ferramentas abertas en programas de asesoramento no deseño e creación de software libre. Programas coma o Google Summer of Code, o Outreachy (antigo Outreach Program for Women) ou o Google Code-In.
Segundo engaden dende GPUL, falarán na actividade, amosando a súa experiencia, as persoas que tiveron oportunidade de participar nas anteriores edicións dos devanditos programas, dando consellos sobre metodoloxías para tirarlles o máximo partido.
Como lembraremos, Google Summer Code é un evento internacional do buscador do mesmo nome no que participan desenvolvedores de todo o mundo enviando os seus proxectos libres para seren avaliados e, en caso de ser elixidos por un xurado de diversas organizacións, obteren asesoramento para completar as iniciativas e remuneración para os estudantes que se ofrezan a completalas.
Pola súa banda, Outreachy é un programa que rompe unha boa cantidade de estereotipos sociais e tecnolóxicos existentes (diríxese en boa medida a mulleres que axudan a mulleres), que baixo unha óptica feminista e libre de prexuízos aposta pola implicación en software de código aberto. Inclúe comunidade de apoio para comezarmos a contribuír coas nosas achegas tecnoloxías en calquera intre do ano.

PUBLICIDADE