GPUL organiza as Xornadas de audio e gráficos con SwL

martes, 1 de xuño do 2010 Raquel Noya

A Facultade de Informática da UDC vai dar acollida, entre os días 12 e 15 do vindeiro mes de xullo, a unha nova edición das xa tradicionais Xornadas sobre informática gráfica, que viñan organizando os do GPUL e que este ano amplían a temática dando lugar ás Xornadas de audio e gráficos con software libre. Dende esta entidade fan un chamamento á participación activa de tódalas persoas interesadas e asemade animan a que se envíen propostas de charlas ou obradoiros que, de ser posible, cumplan os requisitos que seguen: deben ter unha temática relacionada co audio e/ou cos gráficos en software libre (render, animación, deseño gráfico, vídeo...). O enfoque pode ser de calquera tipo: divulgativo, desenvolvemento, investigación, etc; asemade, todo o software referenciado nas propostas debe de ser compatible coa definición de Software Libre da FSF e a lingua das propostas poderá ser o galego, o castelán, o portugués, o inglés ou o francés.
O relator deberá autorizar a GPUL a facer unha gravación da súa intervención, así como a distribuír tanto a gravación coma o resto do material empregado durante a intervención baixo unha licencia libre (segundo a FSF).
A data límite de recepción de propostas é o vindeiro 27 de xuño e poderán enviarse ben a través do formulario habilitado na web ao efecto ou ben por correo electrónico a xag@udc.es, indicando:

- Temática: Audio/Gráficos

- Título

- Nome do poñente

- Enderezo electrónico

- Teléfono de contacto (opcional)

- Empresa/Institución á que pertence

- Duración aproximada: recomendado 45 min./máximo 90 min

- Resumo: o máis completo posible sen estenderse demasiado

- Solicita axuda de viaxe: Si/Non

PUBLICIDADE