GDG Ourense e a ESEI amosan ante un centenar de persoas o importante papel das comunidades de desenvolvedores

xoves, 23 de febreiro do 2017 Redacción

Onte celebrouse no Edificio Politécnico do Campus de Ourense unha charla sobre as portas que se abren coas comunidades de desenvolvedores e o que estas poden achegar na formación tecnolóxica dose estudantes e dos novos profesionais. A cita, que veu da man do Google Developers Group Ourense e a ESEI (Escola Superior de Enxeñería Informática), contou coa presenza de máis dun centenar de asistentes. Polo encontro, presentado baixo o epígrafe High School Developers Parade #Ourense, pasaron estudantes de ciclos de formación profesional acompañados polos seus docentes, alumnado e profesorado universitario, profesionais do eido tecnolóxico e persoas interesadas na temática abordada. Foi inaugurado por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus, e Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Tamén contou coa presenza de Germám Veras, organizador do obradoiro xunto a Toni Martínez, ambos do Google Developers Group Ourense.
As conferencias do High School Developers Parade #Ourense comezaron cunha intervención de Andrés L. Martínez, enxeñeiro informático e coordinador dos grupo de desenvolvedores de Google para España e Portugal. Segundo fixo saber, “para aprender ou estudar certo tipo de tecnoloxía, como as máis novidosas, que non entran na educación regrada, as comunidades son moi útiles para formarse e ter máis opcións de emprego”. E engadiu: “As comunidades son unha opción excelente de complementar a vosa formación”. Para ilustrar esta importancia crecente das communitys dixo que boa parte da “innovación tecnolóxica vivida nos últimos 30 anos ten sido xerada en comunidades”, comunidades que cualificou como “os maiores departamentos de I+D+i do mundo”, nos que a xente participa de xeito voluntario, “porque lles gusta o que fan”.
Sobre os Google Developers Group, Andrés L. Martínez sinalou que na a día de hoxe “hai arredor de 600 repartidos polos diferentes continentes”. No caso de Galicia sinalou que os grupos existentes son moi activos. Durante a súa intervención, tamén falou de iniciativas como os grupos de desenvolvedores expertos; Women Techmakers, de fomento da participación e visualización da muller no eido tecnolóxico; do Anual Summer of Code ou de #HashCode.
Ademais do anterior relatorio, a cita contou no seu programa coa participación de Ana Gómez, que falou da impresión 3D en base á súa experiencia como socia fundadora da empresa +que3D, e de Miguel Reboiro, docente da Escola Superior de Enxeñaría Informática, que afondou nas outras formas de aprender no eido tecnolóxico. Os desenvolvedores de IBM Research Toni Martínez e Jesús Pérez falaron pola súa banda da experiencia profesional e a importancia da comunidade, no primeiro caso, e do traballo en remoto para unha grande empresa no segundo.

PUBLICIDADE