GC pon en marcha un portal específico sobre o emprendemento e a innovación da nosa terra

xoves, 19 de febreiro do 2015 Redacción

Galicia Confidencial, canle galega de comunicación independente, vén de pór en marcha un portal especializado nas cuestións do empredemento e a innovación, case sempre ligadas entre si e case sempre vencelladas estreitamente ao ámbito que nos ocupa: as novas tecnoloxías. A nova canle temática chámase GCEmprende e funciona, sinalan fontes de GC, como un suplemento da cabeceira principal. Máis en detalle, o seu obxectivo é “informar polo miúdo das novas oportunidades empresariais e os éxitos xa logrados por compañías galegas”.
A intención, tamén, é que teña unha vertente práctica, ao xeito dun manual de emprendemento e de busca de novos mercados. De feito, fornecerase información sobre “como lanzar unha empresa, exportar e innovar no país”.
O novo portal conta con financiamento do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo; da Deputación de Lugo e da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
“GCEmprende”, sinalan dende Galicia Confidencial, “abordará tamén cuestións de tipo macroeconómico de Galicia e publicará entrevistas cos principais axentes do sector”.

PUBLICIDADE