GALPon abre o prazo de matrícula para participar no seu obradoiro de OpenOffice.org

xoves, 7 de outubro do 2010 Raquel Noya

O Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra, organización máis coñecida na Rede como GALPon, en colaboración coa empresa Tegnix da Universidade de Vigo, vén de anunciar a apertura do prazo de matrícula para o seu Obradoiro de OpenOffice.org avanzado que dará comezo a partir do vindeiro día 18 na ETSE de Telecomunicación de Vigo.
Este obradoiro, que ten un aforo limitado a 18 prazas, ten como obxectivo formar aos alumnos e alumnas no emprego de ferramentas de software libre, en concreto ás relativas ao tratamento de documentos ofimáticos, como é a OpenOffice.org (en calquera das súas formas: Writer, para texto; Calc, para follas de cálculo ou Impress, para presentacións).
As clases terán lugar os luns e mércores de 15:00 a 17:00 horas e nelas, as persoas asistentes formaranse no emprego desta ferramenta ofimática en contornas máis esixentes de traballo como o envío automático de correspondencia, o emprego de estilos, a creación de escenarios ou supostos de cálculo; ademais de deseño de presentacións de corte técnico ou impactante.
O obradoiro vai dirixido a aquelas persoas que xa manexan as ferramentas ofimáticas a nivel usuario e que están interesadas en mellorar as súas capacidades no emprego de OpenOffice.org., unha ferramenta que emprega o Open Document Format (recomendado pola UE).

PUBLICIDADE