O Campus de Ferrol acolle unha xornada empresarial para o alumnado do Mestrado en Informática Industrial e Robótica

martes, 2 de abril do 2024 S. P.

O coordinador do Mestrado en Informática Industrial e Robótica, Héctor Quintián Pardo

A sala de conferencias do Edificio de Batallóns do Campus Industrial de Ferrol acolle este xoves 4 de abril a partires das 09:30 horas a I Xornada de Prácticas en Empresa dirixida ao alumnado do Mestrado en Informática Industrial e Robótica. Nela participarán 6 estudantes dos últimos cursos do Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, titulacións que se imparten na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) pertencente á Universidade da Coruña.
O director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás, e o coordinador do dito Mestrado, Héctor Quintián Pardo, serán os encargados de inaugurar a cita, na que estarán presentes o fundador do estudio de automatización e robótica BAUP, Filipe Teixeira; o xefe de Proxecto de Tec de Soft Automation, Juan José Medina Albero; o responsábel de Proxectos de Serprentrio Technologies, Marcos Taboada Díaz; a responsábel das Relacións con Universidades e integrante do Departamento de Recursos Humanos de Navantia, María Teresa Galdo Aldrey; así como o responsábel de Desenvolvemento UAS e o enxeñeiro de Sistemas da empresa de aeronaves non tripuladas Avincis, David Pérez-Piñar López e Yago Gómez Castro, respectivamente.
Tamén se achegarán ata o Campus Industrial de Ferrol o director comercial da empresa galega de subministro de material eléctrico, automatización e control industrial Diexfe, Óscar Vázquez Casas; o director de I+D+i de EMALCSA, Ricardo Vázquez Pérez; o director de IA e Data Analytics da multinacional NTT Data, Ángel Fraga Varela; a directora de Proxectos e o enxeñeiro especialista da empresa de enxeñaría en transición enerxética e sustentabilidade Technip Energies, María de los Ángeles Musacchia e José Gato, respectivamente; a administradora de Narontec, Montserrat Tuimil Parapar; así como a directora de Enxeñaría Eléctrica, o director de Tecnoloxías da Información Industrial e a directora do Departamento de Recursos Humanos da empresa global de enxeñaría especializada no sector siderúrxico Russula, Noelia Pérez, José Ramón González e Begoña Llaca Abos, respectivamente.
Ao longo da xornada, os e as representantes das 11 empresas participantes compartirán co alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) información relativa aos proxectos que teñen en marcha e aos que se poderán sumar realizando as súas prácticas curriculares, necesarias para obter o título de grao ou de mestrado (master), ou ben extracurriculares nestas compañías. Para favorecer esta incorporación, realizaranse entrevistas persoais durante toda a mañá no despacho anexo á Sala de Conferencias do Edificio de Batallóns do Campus Industrial de Ferrol.
O Mestrado en Informática Industrial e Robótica (60 créditos ECTS) impártese na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña e na Escuela Superior de Ingeniería y Tecnología da Universidad de La Laguna desde o curso 2020/21. A maiores, ofrece a posibilidade de obter unha dobre titulación internacional co Instituto Politécnico de Bragança, en Portugal.
Unha vez rematada a súa formación, o alumnado terá unha sólida formación nas tecnoloxías relacionadas coa industria 4.0 como poden ser a robótica, a automatización industrial, a análise da información a gran escala (Big Data Analytics), a fabricación aditiva, a programación de dispositivos industriais, a computación na nube, a aplicación de técnicas de Intelixencia Artificial na industria, a Internet das Cousas (IoT industrial) ou a Realidade Aumentada.

PUBLICIDADE